Localizador de recursos electrónicos
BIBLIOMETRÍA

Última actualización: novembro de 2021
Que é a Bibliometría?
A Bibliometría é unha disciplina que, usando métodos matemáticos e estatísticos, aporta datos sobre diferentes aspectos da literatura científica. Naceu como unha ferramenta de xestión bibliotecaria, para proporcionar información sobre revistas e editoriais de cara á toma de decisións nas adquisicións de libros e as subscricións a revistas.

A Bibliometría serve para:
  • analizar o impacto e a visibilidade das publicacións
  • buscar as revistas máis axeitadas para publicar
  • identificar tendencias do coñecemento
  • identificar autoras/es, institucións e revistas máis produtivas e citadas
  • estudar as relacións entre persoas, institucións e disciplinas
  • estudar as publicacións científicas dunha institución como soporte á súa estratexia de investigación

A Bibliometría non substitúe, senón que complementa, a valoración da calidade das publicacións e da investigación.
Indicadores bibliométricos
Os indicadores bibliométricos son datos numéricos que proporcionan información sobre un aspecto concreto da literatura científica. Habitualmente non se usan de xeito illado, senón que combinamos varios deles para acadar unha visión máis completa dos resultados da investigación científica.

Pódense aplicar a publicacións individuais, individuos, grupos, institucións, países, etc., e tamén a revistas e editoriais. Se pretendemos comparar grupos, institucións ou países, cómpre acudir tamén a outro tipo de indicadores que relativicen os resultados obtidos: recursos humanos e materiais, contorna económico-social, infraestruturas, etc.

Os indicadores bibliométricos máis habituais son:
 
Número de publicacións
  • Cantidade de publicacións (dunha persoa, grupo, institución, país, etc.) recollida nunha única fonte de información ou na súa totalidade
  • Pode limitarse por anos de publicación, ámbitos temáticos, tipoloxía, etc.
CNCI
  • Category Normalized Citation Impact é un indicador de impacto normalizado dos documentos indexados en Web of Science (WOS). Indica a relación entre o número de citas recibidas por un documento e a media das citas recibidas polos documentos do memo tipo, categoría temática e ano de publicación. 
  • Preséntase como un número decimal. A media mundial sitúase no 1. Así, un CNCI de 1,2 indica que ese documento recibiu un 20% máis de citas que a media, e un CNCI de 0,9 indica que recibiu un 10% menos.
  • Pódese consultar na ferramenta InCites de WOS.
FWCI
  • Field-wighted Citation Impact (FWCI) é un indicador de impacto normalizado dos documentos indexados en Scopus. Indica a relación entre o número de citas recibido polo documento e a media de citas recibidas polos documentos do mesmo ámbito temático.
  • Preséntase como un número decimal. A media mundial sitúase no 1. Obter un FWCI de 1,2 indica que ese documento recibiu un 20% máis de citas que a media, e un FWCI de 0,9 indica que recibiu un 10% menos.
FCR
RCR
  • Field Citation Ratio (FCR) é un indicador de impacto normalizado empregado en Dimensions. Indica a relación entre o número de citas recibido polo documento e a media de citas recibidas polos documentos do mesmo ámbito temático.
  • O Relative Citation Ratio (RCR) é outro indicador de impacto normalizado de Dimensions. Indica a relación entre o número de citas recibidas polo documento e a media de citas recibidas polo resto dos documentos do mesmo ámbito.
  • Os dous preséntanse como un número decimal. A media mundial sitúase no 1. Obter un 1,2 indica que ese documento recibiu un 20% máis de citas que a media, e un 0,9 indica que recibiu un 10% menos.
Percentil de citación
  • O percentil de citación indica a posición na que se atopa unha publicación nunha relación de publicacións ordenadas polo número de citas recibidas
  • O dato indica a porcentaxe de publicacións que obtiveron menos citas que a publicación analizada, xeralmente limitando estas a publicacións do mesmo ámbito e/ou ano de publicación.
  • Por exemplo, un percentil de citación de 98 indica que só o 2% das publicacións similares obtiveron máis citas que a publicación que estamos analizando.
  • ScopusWOS (a través de InCites) e Dialnet Métricas ofrecen este dato.
Promedio de citas por
publicación
  • Unha maior produción adoita levar emparellada un maior número de citas; para relativizar o número de citas recibidas en función do número de documentos publicados, podemos calcular o promedio de citas por publicación
Factor de impacto
FI, IF, JIF
  • Indicador do Journal Citation Report (JCR) que se emprega para medir a importancia relativa dunha revista, tendo en conta a proporción entre as citas que reciben os seus artigos e o número de artigos que publicou nos dous anos anteriores
  • Só ten en conta as citas recibidas en revistas científicas indexadas en WOS e non ten en conta as diferenzas entre ámbitos temáticos
  • JCR tamén calcula o factor de impacto sen autocitas, isto é, descontando as citas a artigos publicados na mesma revista
Eigenfactor Score

Normalized Eigenfactor

Article Influence Score
  • Eigenfactor Score, como o factor de impacto, é un indicador das revistas indexadas en WOS. Calcúlase a partir do número de citas que reciben nun ano os artigos publicados nesa revista durante os cinco anos anteriores. Ademais, elimina dese cálculo as autocitas (isto é, as citas aos artigos publicados na mesma revista) e outorga máis peso ás citas procedentes de revistas máis influíntes, en función do Eigenfactor desas revistas citantes.
  • Non ten en conta o número de artigos publicados cada ano pola revista, de tal xeito que, cantos máis artigos publique unha revista, máis alto será o seu Eigenfactor.
  • Normalized Eigenfactor é o indicador normalizado que permite comparar revistas. O Eigenfactor medio é 1, polo que para cada revista podemos saber a súa posición con respecto á media das revistas dese ano
  • Article influence score normaliza o Eigenfactor score en función do tamaño da revista, é dicir, ten en conta o número de artigos publicados en cada revista. 
  • Os tres indicadores pódense consultar en Journal Citation Reports (JCR)
JCI
  • Journal Citation Indicator é un indicador que se calcula para as revistas incluídas en WOS. É a media do indicador CNCI dos artigos publicados nesa revista nos tres anos anteriores. 
  • Pódese consultar en Journal Citatoin Reports (JCR)
CiteScore
  • Índice de impacto que proporciona Scopus para as revistas que indexa. É similar ao factor de impacto de JCR pero ten en conta non só os artigos senón tamén as revisións, comunicacións e data papers, publicados durante catro anos e as citas recibidas durante eses mesmos catro anos.
SJR
  • Indicador de Scopus que se emprega para medir a importancia relativa dunha revista, tendo en conta a proporción entre as citas que reciben os seus artigos e o número de artigos que publicou nos tres anos anteriores, pero tendo en conta a influencia da revista citante, de xeito que non outorga o mesmo peso a todas as citas
SNIP
  • É un indicador de impacto normalizado das revistas indexadas en Scopus.
  • Relaciona o número de citas recibidas co número de citas que se poderían esperar tendo en conta o seu ámbito temático, tipo e documento e ano de publicación
  • Consúltase para cada revista no seu perfil en Scopus.
  • Pretende valorar o traballo científico ao longo do tempo
  • Para obter o índice H dunha persoa ordenamos as súas publicacións polo número de citas recibidas en orde descendente, para atopar cantas publicacións recibiron como mínimo o mesmo número de citas que o número de orde nesa relación de publicacións.
  • Varía dunhas fontes de información a outras
  • Aplícase tamén a grupos, revistas, países, etc.
Número e porcentaxe de
documentos en Top 1% ou
Top 10%
  • Número ou porcentaxe de documentos que se sitúan no 1% ou no 10% máis citado nunha fonte de información
  • Ten en conta o ámbito temático, o ano e o tipo documental
Número e porcentaxe de
documentos en Q1, Q2, Q3 e
Q4
  • Algunhas fontes de información, como JCR, clasifican as súas revistas en cuartís (Q): dividen en 4 partes iguais as revistas que indexan, ordenadas de maior a menor factor de impacto; cada unha desas partes é un cuartil.
  • O feito de ser quen de publicar nunha revista cun índice de impacto alto non garante a calidade do traballo, máis indica que este pasou unha avaliación previa que adoita ser esixente, xa que estas revistas realizan unha selección minuciosa para manter o seu status.
Número e porcentaxe de
traballos asinados en colaboración
  • Para valorar a colaboración internacional dun individuo, grupo, institución ou país, adoitamos calcular a porcentaxe das publicacións asinadas con persoas que pertencen a institucións estranxeiras
  • Moitas fontes de información permiten coñecer as redes de colaboración entre persoas, institucións, grupos, etc.
Fontes de información bibliométrica
Existen moitas fontes de información bibliográfica das que podemos obter datos bibliométricos. Pero non todas cumpren os requerimentos necesarios para poder extraer información fiable (control de autores/as, títulos, citas, referencias, etc.). As fontes máis empregadas para os estudos bibliométricos son:
 
Bases de datos
bibliográficas:

Web of Science
Scopus

Dialnet

 
  • Índices de citas dos traballos publicados principalmente en revistas científicas, pero tamén en monografías, actas de congresos e patentes
  • Os contidos son seleccionados segundo uns criterios de calidade establecidos
  • Control bibliográfico da información (títulos, filiacións, números normalizados, etc.)
  • Predominio das publicacións en inglés e dos ámbitos científico e técnico
  • WOS inclúe Journal Citation Report (JCR) para coñecer o impacto das revistas. Inclúe tamén ferramentas bibliométricas: Essential Science Inidicators e InCites
  • Dialnet Métricas ofrece indicadores para revistas, autores/as e institucións. Inclúe un índice de impacto de revistas (IDR) e clasifica estas en cuartís
Buscadores avanzados:
Dimensions
Lens
  • Ofrecen datos de citación das publicacións localizadas noutras fontes.
  • Os contidos están seleccionados ao empregar só fontes científicas. Lens destaca pola información de patentes.
  • Control bibliográfico da información (títulos, filiacións, números normalizados, etc.)
  • Predominio das publicacións en inglés e dos ámbitos científicos e técnicos. 
  • Dimensions, ademais do número de citas, proporciona outros indicadores bibliométricos (FCR, RCR) e acceso a métricas de uso a través de Altmetric. 
Google Académico
  • É un buscador na web que limita as buscas a páxinas académicas, especialmente repositorios de acceso aberto
  • Recolle as citas recibidas polos traballos e  proporciona datos bibliométricos (como o índice H) de revistas e persoas que teñen creado o seu perfil
  • Maior variedade de tipos de documentos (libros, teses, artigos, congresos, informes, etc.)
  • Maior variedade de ámbitos temáticos e idiomas
  • Sen control bibliográfico nin control de duplicados: recupera a información que atopa tal como está na web
Scimago Journal & Country Rank
(SJR)
  • Ranking de revistas e países a partir da información recollida en Scopus
  • Usa o indicador SJR (SCImago Journal Rank) que pondera o impacto en función das redes de citación
  • Permite escoller as revistas en función de varios indicadores por ámbitos temáticos, rexións e países
CWTS Journal Indicators
  • Indicadores sobre revistas a partir dos datos de Scopus
  • Usa o indicador SNIP que normaliza o impacto das revistas en función do ámbito temático e ten en conta as citas recibidas en calquera tipo de documento

Máis información nas guías: Indicios de calidade das revistas e Indicios de calidade dos libros
Indicadores de uso, visibilidade e influencia
Existen outras métricas relacionadas co uso e influencia das publicacións, máis alá das citas recibidas noutros documentos científicos:

Indicadores de uso e lectura: refírense ás veces que unha publicación foi vista ou descargada. Moitas editoriais ofrecen esta información, pero tamén podemos obter número de lecturas e descargas desde as bases de datos e os repositorios. Investigo, o repositorio institucional da Universidade de Vigo, permite ver, no apartado Estatísticas, o número de veces que unha publicación foi vista e descargada, con información sobre os países e as cidades desde onde foi visualizada:

 
Indicadores de influencia social: refírense ao uso que unha publicación ten fóra do ámbito científico e académico, por exemplo, en noticias, políticas públicas, recomendacións, informes, etc. Esta información pode obterse directamente nun buscador xeral, utilizando o título exacto da publicación, para localizar documentos non científicos que mencionen esta publicación. Pero hai ferramentas que axudan a localizar estas citas, por exemplo, Overton, ao que podemos acceder desde Scopus (vía PlumX): 


Indicadores de visibilidade social: proveñen de redes sociais en liña, e ofrecen información adicional sobre o interese social que esperta unha publicación (interaccións en X, Wikipedia, Mendeley...). Algunhas ferramentas que proporcionan estes datos son: