Os
indicadores de citación normalizada son indicadores que proporcionan o impacto das citas tendo en conta o contexto: promedio de citas do ámbito temático, o tipo de documento e, habitualmente, ano de publicación.
Os indicadores de citación normalizada son:
- Category Normalized Citation Impact (CNCI), en InCites (WOS)
- Field-weighted Citation Impact (FWCI), en Scopus
- Field Citation Ratio (FCR) e Relative Citation Ratio (RCR), en Dimensions
- Impacto, en Dialnet Métricas
O impacto normalizado preséntase como un valor decimal. A media mundial sitúase no 1. Así, un impacto normalizado de 1,2 indica que ese documento recibiu un 20% máis de citas que a media, e un indicador de 0,9 indica que recibiu un 10% menos.
Como alternativa a estes indicadores baseados en medias podemos usar os percentís que adoitan ser empregados para as publicacións máis recentes.
O percentil de citación indica a posición na que se atopa unha publicación nunha relación de publicacións ordenadas polo número de citas recibidas. O dato indica a porcentaxe de publicacións que obtiveron menos citas que a publicación analizada, xeralmente limitando estas a publicacións do mesmo ámbito e/ou ano de publicación.
Por exemplo, un percentil de citación de 98 indica que só o 2% das publicacións similares obtiveron máis citas que a publicación que estamos analizando.
Scopus, WOS (a través de InCites) e Dialnet Métricas ofrecen este dato.