Localizador de recursos electrónicos
ACREDITACIÓN ANECA
                                           
                                                (Última actualización: febreiro 2020) 
Acreditación aos corpos docentes universitarios

A Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación (ANECA) ten entre as súas funcións a valoración dos CV dos solicitantes para o acceso ás figuras de profesorado universitario contratado (programa PEP) e de funcionarios/as docentes universitarios (Programa ACADEMIA).

O procedemento de acreditación dos corpos de funcionarios/as docentes universitarios (profesores/as titulares e catedráticos/as) está regulado polo Real Decreto 1312/2007, modificado polo Real Decreto 415/2015 que introduce novidades no sistema de acreditación:

 
  • A acreditación produce efecto en todo o territorio nacional na rama ou ramas de coñecemento nas que se obtivo unha avaliación positiva: ciencias, ciencias da saúde, enxeñaría e arquitectura, ciencias sociais e xurídicas, arte e humanidades.
  • Reforma dos criterios e baremos de avaliación dos méritos, así como do esquema de cualificación, que é alfabética (A, B, C, D, E).
 Actualización dos criterios de avaliación do Programa Academia para a acreditación a catedráticos/as e titulares de universidade. Os novos criterios entrarán en vigor a partir do 15/01/2020.
Categorías de méritos
Contémplanse cinco grupos ou modalidades de méritos:
  • Actividade investigadora
    Calidade e difusión dos resultados da actividade investigadora a través de publicacións científicas, creacións artísticas profesionais, congresos, conferencias, seminarios e teses dirixidas. Comprende tamén os proxectos competitivos e contratos de investigación, amais da estancia en centros de investigación con resultados constatables.
  • Actividade docente
    Amplitude, diversidade, intensidade e responsabilidade da docencia.
  • Transferencia de coñecemento e experiencia profesional
    Produción de patentes e produtos con rexistro de propiedade intelectual, así como a transferencia de coñecemento ao sector produtivo. 
  • Experiencia en xestión e administración educativa, científica e tecnolóxica
    Desempeño de cargos unipersoais de xestión universitaria.
  • Formación
    Tense en conta só para profesor titular, e inclúe a calidade da formación predoutoral, doutoral e posdoutoral.
Destes méritos valóranse preferentemente a actividade investigadora e docente, de forma que unha avaliación positiva nestas dúas facetas fai innecesario ter en conta máis méritos para conseguir a acreditación. A transferencia de coñecemento e experiencia profesional, as actividades de xestión e a formación académica só se valoran para compesar insuficiencias non graves na investigación e docencia.

Os méritos que se aportan son considerados obrigatorios, complementarios, compensatorios ou específicos:

Méritos obligatorios:  corresponden a investigación e docencia, e inclúen:

a) Investigación

 - Un número mínimo de contribucións científicas en forma de artigos, libros, capítulos de libros ou resultados de produción científica, técnica ou artística publicados. 
 - As catro contribucións que o solicitante considere máis relevantes da súa traxectoria científica. 

b) Docencia
 - Un número mínimo de anos de experiencia docente, que varía en función do corpo para o que se solicita a acreditación. 
 - Unha valoración positiva da actividade docente, referendada por programas de calidade da docencia.

Méritos complementarios: téñense en conta para completar os méritos obrigatorios na actividade docente e investigadora cando estes non acadan o número e calidade das contribucións determinadas pola comisión de avaliación.

Méritos compensatorios: son os relativos aos méritos de transferencia de coñecemento, xestión e formación, que serven para compensar insuficiencias (cualificación C) na actividade docente e investigadora.

Méritos específicos (para catedrático/a): indicios significativos dunha traxectoria de liderado e recoñecemento externo á institución onde se presta servizo, tanto no relacionado coa actividade docente como investigadora. 
Cualificación dos méritos
Valóranse preferentemente os  méritos relativos á actividade investigadora e docente polo que é obrigatoria a  súa presentación, e os méritos correspondentes ás outras modalidades só serven para compensar insuficiencias non graves nestas.
A avaliación da lugar a unha cualificación alfabética:
A (excepcional)
B (bo)
C (compensable)
D ( insuficiente)
E (categoría especial para aquelas carreiras desenvoltas en ámbitos académicos e científicos cuxos parámetros non permitan a aplicación dos criterios propios do sistema académico español).   

Acádase unha resolución positiva para a acreditación cando se obtén polo menos algunha das combinacións de cualificacións que amosan as seguintes táboas:

       
  Táboa: acreditación catedrático/a


  Táboa: acreditación profesor/a titular 
Criterios de avaliación por áreas de coñecemento
ANECA fai públicos os criterios de avaliación das dimensións docente e investigadora para todos os niveis (A, B, C e D), así como os niveis compensatorios (A e B) da transferencia e experiencia profesional, formación académica e experiencia en xestión.

Os criterios para a valoración da experiencia en xestión son comúns a todas as comisións,  os demais criterios axústanse en cada un dos corpos docentes e nos distintos campos, precisando cada comisión os aspectos cuantitativos e  cualitativos dos méritos que considera apropiados.
 
Criterios de avaliación de revistas
En moitos campos valóranse só as publicacións en revistas incluídas no Journal Citation Reports (JCR), e tense en conta a posición que a revista ocupa (cuartil, tercil, decil) na categoría correspondente tendo en conta o factor de impacto do ano de publicación (nalgúns casos tamén o inmediato cunha ventá de citación de 5 anos).

Nalgunhas áreas recóllense outros criterios como a posición que ocupa a revista en Scimago Journal Rank (SJR) ou o selo de calidade da FECYT. Tamén en certos campos tense en consideración o número e calidade das citas recibidas.

Nestas guías explícamos como localizar o factor de impacto e outros indicios de calidade dos artigos:
Criterios de avaliación de libros e capítulos de libros
Nalgúns campos téñense en conta os libros e capítulos de libros, indicando nestes casos os criterios para a súa valoración que varían segundo o campo, entre outros:
  • que estean publicados en editoriais internacionais de primeira liña
  • que a editorial ocupe unha determinada posición en Scholarly Publishers Indicators (SPI)
  • que estean publicados en editoriais especializadas e de prestixio na área de coñecemento
  • no caso de editoriais universitarias, que a colección conte con selo CEA (Calidad en Edición Académica), especificándose nalgúns casos que a publicación sexa posterior á concesión do selo e estea vixente.
Ás veces sinálase que se poderán ter en consideración outros indicios de calidade como, por exemplo, número e calidade das citas recibidas, recensións especializadas, etc.

Nestas guías explicamos como localizar outros indicios de calidade dos libros e as citas recibidas:
Criterios de avaliación de congresos e xornadas
En determinadas áreas téñense en consideración os traballos presentados en congresos ou xornadas, e indícanse os criterios para a súa valoración, entre outros:
  • congresos internacionais de recoñecido prestixio e que estean amparados por contratos de transferencia de tecnoloxía con empresas
  • congresos ous xornadas, internacionais ou nacionais, con indicios obxectivos de calidade (selección de propostas, internacionalización, periodicidade, editorial das actas etc.)
  • congresos de relevancia en función do carácter internacional, entidade convocante, composición do comité científico e de organización etc.
  • congresos con antigüidade e periodicidade recoñecida, así como índices de calidade na súa publicación posterior
Contacta coa biblioteca
Picture: Biblioteca Central Campus Vigo

Biblioteca Central Campus Vigo
Soporte Aprendizaxe e Investigación
Tel: (+34) 986.813.843

Picture: Biblioteca Central Campus Pontevedra

Biblioteca Central Campus Pontevedra
Soporte Aprendizaxe e Investigación
Tel: (+34) 986.802.001 / 986.801.996

Picture: Biblioteca Central Campus Ourense

Biblioteca Central Campus Ourense
Soporte Aprendizaxe e Investigación
Tel: (+34) 988.387.230 / 988.387.158

Guías relacionadas