Localizador de recursos electrónicos
NORMALIZACIÓN DA SINATURA CIENTÍFICA
 
Última actualización: novembro de 2023
Por que normalizar a sinatura?
O uso de formas diferentes no nome persoal ou no nome da institución na sinatura das publicacións ten consecuencias relevantes no proceso de comunicación científica: erros na atribución de autorías, inadecuada recuperación da información, perda de visibilidade do traballo de investigación dos/as autores/as e das institucións, e dificultade para analizar as publicacións científicas empregando indicadores bibliométricos. 

En ocasións, ao longo da carreira investigadora, as persoas modifican a forma coa que asinan as súas publicacións. Por outra banda, as bases de datos bibliográficas modifican as sinaturas das publicacións que indexan para adaptalas ao modelo estándar mundial de firma. Todo isto provoca que as publicacións dunha única persoa poidan ser consideradas dentro das bases de datos como de autores/as diferentes, o que repercute na recuperación e na análise das publicacións desa persoa. 
 

Para evitarmos confusións na autoría das publicacións científicas, cómpre:
  1. escollermos unha sinatura científica que nos identifique claramente, que evite que se poida confundir cos nomes doutras persoas e que facilite a indexación correcta nas bases de datos bibliográficas.
  2. incluírmos correctamente a filiación institucional.
  3. usarmos identificadores persoais, como ORCID.
  4. unificarmos as posibles variantes coas que aparece o noso nome nas principais bases de datos: Scopus, Web of Science e Google Académico.
O nome da institución na sinatura científica
Sempre que asinemos unha publicación ou obra realizada a raíz do noso traballo na Universidade de Vigo, temos que incluír a institución como fiiliación. Por que?:
  • Lei da ciencia (Lei 14/2011 de 1 de xuño): inclúe entre os deberes dos persoal investigador “utilizar a denominación das entidades para as que presta servizos na realización da súa actividade científica”.
  • Normativa de grupos, agrupacións e centros singulares de investigación da Universidade de Vigo (26 de xuño de 2019): “Todas as persoas rexistradas nun grupo de investigación ou como investigadoras ou investigadores individuais se comprometen a mencionar a Universidade de Vigo en calquera tipo de produción de investigación ou de transferencia derivada da súa actividade.”
  • Informe sobre la autoría y las afiliaciones de los trabajos científicos y técnicos, aprobado polo Comité Español de Ética da Investigación, o 25 de outubro de 2023: "La autoría científica siempre se indica asociada a la afiliación. Ambas informaciones son indisociables y es obligado manifestarlas en todo tipo de producción científica (publicaciones, comunicaciones a congresos, etc.)".
Que forma debemos utilizar? 
  • Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos da Universidade de Vigo, o artigo 4 establece que “A denominación oficial da Universidade é “Universidade de Vigo”.
  • Regulamento de uso do galego na Universidade de Vigo (aprobado en Consello de Goberno o 2 de marzo de 2015): “O nome oficial da Universidade é Universidade de Vigo, e así ha de constar”.
  • Manual de identidade corporativa: “A denominación da institución é Universidade de Vigo, non estando admitida a súa tradución a outros idiomas”.
Protocolo da Universidade de Vigo para a normalización da sinatura científica recolle a normativa da universidade tanto para o nome institucional como para o persoal (aprobado pola Comisión de Investigación).
 
      Algunhas recomendacións:
  • por norma xeral, o nome da Universidade de Vigo debe ir en primeiro lugar.
  • cando quen asina forma parte dun centro de investigación, este debe aparecer en primero lugar, seguido do nome da universidade.
  • podemos engadir outros datos (departamento, grupo...), pero sempre a continuación, e usando sempre a forma oficial.
  • usemos sempre o correo institucional.

As revistas da editorial MDPI, nas súas instrucións para autores/as, inclúen unha normativa diferente en cando á orde dos elementos da filiación. A editorial MDPI comprometeuse a respectar a filiación institucional dos membros da Universidade de Vigo tal como está establecido no noso protocolo. Se atopasen algunha reticencia ao respecto por parte da revista, póñanse en contacto coa biblioteca (bibliometria@uvigo.gal) para que poidamos resolver o problema.
Os centros de investigación da Universidade de Vigo nas sinaturas científicas
Os centros de investigación da Universidade de Vigo (Cinbio, CIM-UVigo, atlanTTic e Cintecx) teñen perfil propio nas bases de datos Web of Science e Scopus. Nestas bases de datos é posible recuperar e analizar as publicacións de cada centro de investigación, naqueles casos nos que o autor ou autora incluíu o nome do centro na filiación institucional.

Para que esta información sexa completa, cómpre que todo o persoal investigador vinculado a un centro de investigación inclúa o nome deste na súa filiación, así:
CINTECX, Universidade de Vigo
CINBIO, Universidade de Vigo
AtlanTTic, Universidade de Vigo
Centro de Investigación Mariña, Universidade de Vigo
O nome persoal na sinatura científica
Existen distintas recomendacións para normalizar o nome persoal na sinatura nas publicacións científicas, como as da FECYTIraLIS. Á hora de escoller a forma coa que imos firmar é importante ter presente as seguintes pautas:

NOMES
  • Nome único: desenvolto, sen usar a inicial
  • Nomes compostos:
unidos por guión: María-Mar
segundo nome como inicial, sen guión: María M.
  • Abrevia María con M, non Mª e nunca como primeira parte do nome
 
APELIDOS
  • Usa preferentemente os dous apelidos, unidos cun guión
  • Os apelidos compostos deben unirse con guión, con ou sen partícula:
Fernández-de-Córdoba
ou
Fernández-Córdoba
  • Conserva os acentos
  • Conserva o “ñ”
  • Non uses abreviaturas como Rguez
 Unha recomendación: busca nas bases de datos posibles coincidencias con outras persoas
ORCID: que é e para que serve?

ORCID (Open Researcher and Contribution ID) é unha organización internacional sen ánimo de lucro que proporciona un identificador dixital único e persistente para investigadores/as e académicos/as.

O identificador ORCID é un número con este formato: 0000-0000-0000-0000.

Este identificador pretende solucionar o problema da duplicidade e ambigüidade dos nomes, ao agrupar todas as publicacións dunha persoa aínda que fosen asinadas de xeitos diferentes. 

Ademais, permite ter un perfil público en ORCID para darlle visibilidade ao traballo científico.

Consulta a nosa guía ORCID.

Unificar a firma en Scopus
En Scopus as publicacións dun mesmo autor/a poden aparecer baixo distintas variantes do nome. Nestes casos debemos solicitar a Scopus a agrupación de todas as variantes do nome nun único perfil (Author ID). Para isto, realizamos unha busca por autor/a e seleccionamos todas as variantes que se corresponden coa mesma persoa; a cotinuación, prememos en "Request to merge authors".
       

Ábrese un proceso guiado para proceder á selección da firma preferida e que nos permite revisar as publicacións asociadas:
      

Para realizar esta solicitude debemos ter creada unha conta en Scopus e estar identificados/as. Recibiremos mensaxes de correo electrónico do equipo técnico de Scopus informándonos sobre o estado da nosa solicitude.
Unificar a firma en Web of Science e corrixir rexistros de autor
A Web of Science xera rexistros de autor, a partir dun algoritmo, que crea conxuntos de documentos asignados a un nome persoal. É moi frecuente que os rexistros de autor estean duplicados porque o algoritmo é moi esixente. Polo tanto, cando se teñen publicación indexadas e WOS habería que comprobar se hai máis dun rexistro de autor/a e realizar as correcións oportunas.