Nos últimos anos aumentou o número de autores/as firmantes das publicacións, debido tanto ás esixencias e posibilidades da ciencia moderna como á utilización das publicacións científicas como medida nos procesos de avaliación da actividade investigadora, o que provoca que investigadores e investigadoras queiran aparecer no maior número de publicacións posible para facilitar a súa promoción académica e profesional. Por este motivo, co fin de evitar malas prácticas, cada vez son máis as revistas científicas que requiren especificar a responsabilidade ou a contribución real de todas as persoas que figuran nas sinaturas dos artigos.
O número de autores é un dos aspectos valorados nos procesos de avaliación da produción científica; tanto ANECA como CNEAI fixan condicións sobre o número de autores dun traballo e a súa contribución real. En xeral indícase que, para que unha aportación sexa considerada, o solicitante debeu participar activamente nos traballos que lle deron orixe, como director ou executor do traballo. Amais, en determinados campos, un número elevado de autores/as pode reducir a puntuación outorgada a unha aportación se este non está xustificado pola complexidade do tema e a extensión do traballo.
Existen algunhas ferramentas para coñecer a media do número de autores nunha disciplina ou nas principais revistas:
- Índice de coautoría do observatorio IUNE, que recolle datos da actividade investigadora das universidades españolas
- Co-author Index, ferramenta que pretende medir o índice de coautoría nos artigos publicados por autores/as españoles/as en revistas nacionais e internacionais