Para ter un perfil propio en Google Académico cómpre crealo: basta con iniciar sesión cunha conta de Google e desde a páxina principal de Google Académico escoller a opción My profile. A continuación aparecerá un formulario para agregar información:
- Nome: normalizado, tal como aparece nas publicacións.
- Filiación: nome oficial da Universidade de Vigo; pode engadir tamén o centro de investigación, departamento, grupo...
- Correo electrónico de verificación: é o correo institucional; utilice preferiblemente a extensión .gal (que se identifica coa mesma conta .es; por exemplo: bibliometria@uvigo.gal); isto garantirá que Google Académico identifique correctamente todos os autores e autoras da Universidade de Vigo.
- Áreas de interese: palabras clave que definen o campo de investigación; pode engadilas en varios idiomas.
- Páxina principal: pode engadir a páxina persoal, a do grupo de investigación, a da Universidade de Vigo; tamén pode engadir aquí a ligazón ao perfil persoal en ORCID (por exemplo, https://orcid.org/0000-0002-9396-468X).
Despois de introducir os datos no formulario, no paso seguinte Google Académico localiza as publicacións de autores/as cuxo nome coincide co do perfil. Cómpre seleccionalas para engadilas ao perfil, en grupo ou unha a unha.
Por último, cómpre configurar o perfil:
É preferible que o perfil sexa público e que Google Académico non poida engadir publicacións de xeito automático. Así será máis fácil manter un perfil sen erros e con indicadores bibliométricos correctos.