Localizador de recursos electrónicos
Sexenios CNEAI 2023. Preguntas frecuentes
Última actualización: xaneiro de 2024
Quen pode solicitar un sexenio?
  • O profesorado universitario funcionario (profesores/as titulares e catedráticos/as, tanto de universidade como de escola universitaria) de carreira ou interino/a con esa condición o día 31 de decembro de 2023.
  • O profesorado contratado doutor, permanente laboral e axudante doutor, segundo se recolle na Resolución da Universidade de Vigo.
​En calquera dos casos anteriores, deben cumprirse as seguintes condicións:
 
  1. Que nunca se teña presentado a ningunha convocatoria de sexenios de investigación con anterioridade e cumpra un mínimo de 6 anos avaliables o 31 de decembro de 2023.
  2. Que o seu último tramo avaliado positivamente rematase o 31 de decembro de 2017 ou antes.
  3. Que tivese recibido unha avaliación negativa para un tramo ata o 31 de decembro de 2020 ou anterior; neste caso, a persoa solicitante pode recuperar como máximo 3 deses anos e engadir publicacións de como mínimo os 3 anos seguintes. No caso de avaliación negativa anterior de dous ou máis tramos presentados conxuntamente, o novo sexenio formarase unicamente cos anos propios do último
Na convocatoria de sexenios 2023, inclúense sexenios de transferencia?
Non inclúen. Nesta convocatoria, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades só avalía a actividade investigadora.
Cal é o prazo de presentación de solicitudes?
Do 22 de xaneiro ao 12 de febreiro de 2024
Onde se presenta a solicitude de sexenios de investigación 2023?
Para todos os casos, sexan funcionarios our laborais, na sede electrónica da ANECA: http://aneca.sede.gob.es

Sen prexuízo do anterior, no caso do PDI laboral, debe terse en conta o indicado no apartado seguinte respecto da comunicación á Universidade de Vigo.
Teño que facer algunha xestión adicional ante a Universidade de Vigo?
O PDI funcionario non ten que levar a cabo ningunha xestión máis ante a Universidade de Vigo.

Sen embargo, o profesorado contratado doutor, permanente laboral ou axudante doutor, ademais de enviar e rexistrar a solicitude na sede electrónica da ANECA, debe enviar unha copia do xustificante da solicitude presentada en prazo (copia da solicitude asinada e xustificante coa data de rexistro) por correo electrónico ao Servizo de PDI da Universidade de Vigo (consultapdi@uvigo.gal). A falta desta comunicación impedirá que se poida realizar a avaliación.
Cantos tramos podo solicitar?
O máis habitual é solicitar un único tramo de sexenios en cada convocatoria. 

Pódese dar o caso de que alguén queira solicitar máis tramos na mesma convocatoria. Debe ter en conta que, de producirse unha avaliación negativa, nas vindeiras convocatorias só poderá recuperar un máximo de 3 anos do último tramo denegado, polo que non poderá volver usar en futuras convocatorias ningunha das publicacións dos tramos anteriores. Por iso o máis recomendable é solicitar só un tramo en cada convocatoria.
Podo presentar un artigo aceptado pero non publicado nalgún dos anos da miña solicitude?
Si sempre e cando sexan aceptados e publicados nos sistemas coñecidos como de publicación continuada (forthcoming, online first, in press etc.) coa obrigatoriedade de presentar o identificador persistente (DOI, Handle, ARK, SWHID ou, en xeral unha URI/URL única permanente) da devandita publicación. 
No caso das monografías, que documentación debo achegar?
Segundo se recolle na convocatoria, cada aportación deberá incluír:
  • Os datos necesarios para a súa identificación.
  • Un identificador persistente (DOI, Hadle, ARK, SWHID, ou en xeral unha URI/URL única permanente). As editoriais adoitan proporcionar un identificador para cada publicación; de non ser así, os repositorios proporcionan tamén un identificador.
  • Só no caso de publicacións que non estean en acceso aberto, o arquivo en PDF.
  • Só en casos imprescindibles, o arquivo en PDF xustificativo da aportación (para contratos de compravenda ou licenza de patentes, evidencias no caso de aportacións artísticas ou creativas etc).
Que son as aportacións substitutorias?
As aportacións substitutorias son as dúas publicacións que a persoa solicitante pode presentar ademais das aportacións principais, para substituír algunha delas no caso de que a comisión de valoración non a considere o suficientemente relevante. Non é obrigatorio engadir aportacións substitutorias pero si recomendable e debe engadirse na mesma orde na que quere que sexan tidas en conta.

Neste apartado cómpre incluír os datos mínimos para a localización de cada publicación (título, ano de publicación, título da revista ou do libro, ISSN ou ISBN, DOI...), e os seus indicios de calidade, do xeito máis resumido posible.
Como o espazo é limitado, pódense incluír os indicios de calidade no curriculum vitae e incluír unha ligazón ao texto completo de cada documento.
Se presento unha aportación substitutoria que finalmente non é avaliada, podo presentala para un futuro sexenio de transferencia?
Nos criterios por campos indícase que "Deberán presentarse cinco aportacións principais, que poderán acompañarse de dúas aportacións substiturorias" e que "as aportacións que se presenten a un sexenio de investigación no podrán presentarse a una posterior convocatoria de sexenios de transferencia". 
O curriculum vitae normalizado debe incluír méritos só dos 6 anos para os que solicito a avaliación?
O currículum vítae normalizado debe incluír exclusivamente a actividade de investigación, desenvolvemento e innovación dos anos sometidos a avaliación.
Recoméndase utilizar o modelo de currículum da FECYT.
Que é a defensa narrativa?
A utilización de indicadores bibliométricos para xerar narrativas que permitan a defensa das aportacións individuais dentro das políticas de avaliación fomentadas por DORA e  CoARA. Para máis información sobre a bibliometría narrativa pódese consultar o artigo de Daniel Torres Salinas Entre métricas y narraciones: definición y aplicaciones de la "bibliometría narrativa", Fundamentos de bibliometría narrativa e no nº 43 da publicación da Universidad de Sevilla Investiga titulada Bibliometría narrativa en los sexenios 2023 .
 
É obrigatorio depositar as aportacións en acceso aberto?
Os criterios establecen que se requerirá o depósito das aportación en repositorios en acceso aberto, xa sexan institucionais, temáticos ou xerais: "o depósito da aportación poderase facer na modalidade de acceso aberto, restrinxido, embargado ou con acceso só a metadatos, respectando en todos os casos a xestión de dereitos de autor".
Na convocatoria indícase que, no caso de que a aportación non estea en acceso aberto, deberá achegarse coa solicitude o arquivo en PDF da aportación.

O repositorio institucional da Universidade de Vigo é Investigo.
Se quere coñecer outros repositorios, pode consultar este directorio.
Que tipos de aportacións se poden incluír?
Inclúense aportacións e medios de difusión que poidan xustificar unha actividade investigadora. Teranse en conta publicacións, patentes, informes, estudos, ditames, traballos técnicos, traballos artísticos, exposicións, escavacións arqueolóxicas, catalogacións etc. Tamén poden xustificar actividade investigadora conxuntos de datos, metodoloxías, programas de ordenador ou modelos de aprendizaxe.
É necesario estar contratado/a pola Universidade de Vigo durante o período que se avalía o sexenio?
Non. Pódense xustificar bolsas de investigación e contratos noutras universidades, centros de investigación ou fundacións, sempre que se dediquen á investigación (institucións públicas e privadas). No caso das bolsas cómpre xustificar que están destinadas a investigación, e no caso dos contratos cómpre presentar unha certificación asinada polo responsable de recursos humanos ou o cargo correspondente e no que se especifique o período de tempo e se indique que a persoa solicitante estivo vinculada a un proxecto de investigación.
Que fago se xa teño algún sexenio previamente concedido e non o teño recoñecido por cambio de universidade ou de categoría?
Ten que solicitar a súa validación.

No caso de que o tivese recoñecido como PDI laboral e con data 31 de decembro de 2023 teña a condición de funcionario/a, de carreira ou interino/a, dalgún dos corpos docentes, debe solicitalo ante a ANECA, no prazo xeral de presentación de solicitudes e pola mesma vía (base 3.5 da convocatoria publicada en BOE o 22 de decembro).

No caso de que o tivese recoñecido como PDI laboral noutra universidade, cos mesmos requisitos e criterios que o persoal funcionario ou per­soal contratado avaliado por convenios asinados coas universidades públi­cas, e con data 31 de decembro de 2023 teña formalizado coa Universidade de Vigo un contrato como profesor/a contratado/a doutor, permanente laboral ou axudante doutor, fixo ou interino, debe solicitalo, no prazo xeral de presentación de solicitudes, directamente ante a Universidade de Vigo, na sede electrónica, a través do procedemento xeral SXER-Instancia xenérica (punto 9 do anexo á Resolución da Universidade de Vigo).
Preguntas frecuentes Aneca
No seguinte enlace pódense consultar as preguntas frecuentes sobre sexenios da ANECA

Preguntas frecuentes Sexenios ANECA
Contacta coa biblioteca
Picture: Biblioteca Central Campus Vigo

Biblioteca Central Campus Vigo
Soporte Aprendizaxe e Investigación
Tel: (+34) 986.813.843

Picture: Biblioteca Central Campus Pontevedra

Biblioteca Central Campus Pontevedra
Soporte Aprendizaxe e Investigación
Tel: (+34) 986.802.001 / 986.801.996

Picture: Biblioteca Central Campus Ourense

Biblioteca Central Campus Ourense
Soporte Aprendizaxe e Investigación
Tel: (+34) 988.387.230 / 988.387.158

Máis información