Localizador de recursos electrónicos
Sexenios CNEAI 2018. Novidades
Novidades que afectan a todos os campos
Preámbulo: en 2017, cando se citaban os criterios para todos os campos, no apartado C), especificábase que o solicitante tiña que ter traballado activamente nos traballos “como director ou executor do traballo”. En 2018 elimínase esta aclaración, e limítase a dicir que a persoa solicitante ten que concretar a súa aportación específica en casos de coautoría.

Inclusión do tramo de transferencia: en todos os campos, no punto 1, indícase que as solicitudes que presenten patentes poderán ser valoradas, previo informe do comité, polo Campo 6 (ou o tramo de Transferencia), substituíndo o antigo campo 0.

Con carácter orientador e non excluínte: en todos os campos aparece esta expresión para referirse ás aportacións mínimas para obter unha avaliación positiva; substitúe expresións como “a título orientativo” ou “con carácter orientador”.

O campo 0 desaparece e convértese nun tramo complementario de Transferencia do coñecemento e innovación, que se pode aplicar a todas as áreas do coñecemento.

O apéndice
cos criterios que debe reunir o medio de difusión da investigación non presenta cambios con respecto ao de 2017.
Tramo de transferencia do coñecemento e innovación
O campo 0 desaparece e convértese nun tramo complementario de Transferencia do coñecemento e innovación, que se pode aplicar a todas as áreas do coñecemento. Trátase dun proxecto piloto que pretende promover dinámicas e políticas de incentivos nas universidades e centros de investigación no plano da transferencia, a innovación e a difusión do coñecemento cara a todo tipo de actores sociais. Indícase que “quen non obtivese un resultado favorable para o período presentado poderán, de novo, solicitar a avaliación deste mesmo tramo só unha vez na vindeira convocatoria no campo de Transferencia do coñecemento e innovación”. Os requisitos son:
 
  1. Ter obtido previamente a avaliación positiva dun sexenio nalgún dos campos científicos incluídos na avaliación da actividade investigadora (do 1 ao 11)
  2. 5 aportacións no curriculum vitae abreviado ou menos se teñen unha “extraordinaria calidade e tiveron unha alta repercusión”.
  3. A persoa solicitante ten que ter participado activamente nos traballos que presenta, e concretar a súa aportación específica se existe multiautoría.
  4. Debe tratarse de transferencia a axentes sociais e económicos de resultados con calidade fidedigna.
  5. Valorarase:
    1. Transferencia a través da formación de investigadores: proxectos que fomenten a formación e a cultura emprendedora (creación de "start-up ou spin-off").
    2. Transferencia do coñecemento propio a tavés de actividades con outras institucións: comisións de servizos, servizos especiais e excedencias relacionadas con actividades que supoñan o avance científico-tecnolóxico.
    3. Transferencia xeradora de valor económico: facturación por "royalties", participación en contratos ou proxectos con empresas e outras institucións, socio de "spin-off" activas, número de patentes.
    4. Transferencia xeradora de valor social: actividades que redundan no beneficio da sociedade civil e grupos de interese, como a participación en convenios e contratos con entidades sen ánimo de lucro ou administracións públicas e publicacións de difusión. Neste caso, valorarase entre outras cuestións a inclusión da aportación en repositorios acreditados. A falta de máis información, esperamos que os repositorios institucionais, como Investigo, teñan esta consideración.
Campo 1. Matemáticas e física
No punto 5, en 2017 indicábanse as aportacións mínimas que a persoa solicitante debía presentar “con carácter orientador” no caso da especialidade “física”, e sen ningunha aclaración no caso de “matemáticas”. En 2018, en ambos os casos os criterios mínimos son “con carácter orientador e non excluínte”.
Campo 2. Química
No punto 4, onde se refire á avaliación de libros e capítulos de libros, en 2017 indicábase que estas aportacións “se considerarán contribucións extraordinarias”. Esta frase desaparece en 2018.

No punto 5, cando se refire ás aportacións mínimas para acadar unha avaliación positiva, substitúese "A título orientativo" por "Con carácter orientador e non excluínte"
Campo 3. Bioloxía celular e molecular
No punto 2: onde en 2017 dicía: “o número de autores da aportación deberá estar en consonancia coa complexidade do estudo ou a súa extensión. O número de autores non se graduará para a avaliación da aportación se o solicitante ten participación relevante no traballo. Considerarase esa relevancia o ocupar posición de primeiro ou último asinante , de non ser a orde aleatoria, ou figurar como autor de correspondencia”. En 2018 di: “O número de autores deberá estar xustificado polo tema, a súa complexidade e a súa extensión. Como principio xeral, un número elevado de autores implicará a aplicación dun factor de redución na valoración do traballo se as súas esixencias de contido e metodoloxía non o xustifican”.

No punto 3: en 2017 aparecía: “O solicitante deberá figurar como autor relevante en cando menos un dos artigos sometidos a avaliación”. En 2018 desaparece esta frase.

No punto 6: onde aparecía en 2017 “Con carácter orientador” aparece en 2018 “Con carácter orientador e non excluínte”.
Campo 4. Ciencias biomédicas
No punto 2: en 2017 dicíase “Igualmente se o solicitante non figura como asinante destacado como primeiro ou último (de non ser a orde de sinatura aleatoria) ou autor de correspondencia”. Esta frase desaparece en 2018 e polo tanto desaparece a obrigatoriedade de figurar como autor/a de correspondencia, ou no primeiro ou último lugar na relación de autores/as.

No punto 7: onde aparecía en 2017 “Con carácter orientador” aparece en 2018 “Con carácter orientador e non excluínte”.
Campo 5. Ciencias da natureza
No punto 4: referíndose á avaliación de libros e capítulos de libros, en 2017 indicábase que estas aportacións “se considerarán contribucións extraordinarias”. Esta frase desaparece en 2018.

No punto 6: onde aparecía en 2017 “Con carácter orientador” aparece en 2018 “Con carácter orientador e non excluínte”.
Campo 6. Enxeñarías e arquitectura

Nos tres subcampos, no apartado relativo ás teses de doutoramento, onde en 2017 dicía “Realización ou dirección de teses de doutoramento”, en 2018 di: “Realización ou dirección de teses de doutoramento que non sexan de excepcionalidade contrastada”. Polo tanto, admítese como aportación válida a dirección de teses sempre que sexan de “excepcionalidade contrastada”. Onde dicía “O que se valora son as publicacións derivadas”, agora di “O que se valora, en calquera caso, son as publicacións derivadas”.


Tamén nos tres subcampos, no punto 6 onde aparecía en 2017 “Con carácter orientador” aparece en 2018 “Con carácter orientador e non excluínte”.

 
Ademais destes cambios, no Subcampo 6.2. Enxeñarías da comunicación, computación e electrónica:

No punto 1: onde dicía “medible dentro do ámbito da investigación avaliable neste subcampo 6.2”, agora di “medible dentro do Subcampo 6.2”

No punto 3 a):
  • Onde dicía “Os artigos publicados en revistas de recoñecida valía” agora di “Os artigos que supoñan progreso real do coñecemento no ámbito do Subcampo 6.2, sendo indicativo diso o ter sido publicados en revistas de recoñecida valía, sexan electrónicas ou non”. 
  • Elimina a frase “As revistas electrónicas consideraranse cando aparezan indexadas no JCR Science Edition”, xa que co engadido na frase anterior xa abrangue tanto as revistas en papel como electrónicas.
  • Ao final do punto, en 2018 engádese: “En calquera caso, consideraranse fundamentalmente aquelas revistas indexadas nas categorías relacionadas no ámbito de investigación avaliable polo Subcampo 6.2. De xeito excepcional, poderase valorar a relevancia de artigos publicados en revistas indexadas noutras categorías en función da contribución real ao progreso do coñecemento nas áreas do Subcampo 6.2 se as houber”
Campo 7. Ciencias sociais, políticas, do comportamento e da educación
En 2018 o campo 7 divídese en dous subcampos:
 
Subcampo 7.1. Ciencias sociais, políticas e do comportamento
 
No punto 2: engádese en 2018: “Un número desproporcionado de autores poderá reducir a cualificación asignada a unha aportación. En todo caso, o solicitante debe xustificar a súa contribución a cada unha das aportacións en coautoría”.

Novo punto 3 f): “En calquera caso, o Comité valorará a calidade científica, metodolóxica e teórica das aportacións, o seu impacto na área, e a súa capacidade para innovar no coñecemento e para xerar un xenuíno progreso científico”.

No punto 4: en 2018 desaparece a alusión ás autocitas, xa que se elimina a frase: “Igualmente, cando o traballo amose un nivel alto de autocitas”.

No punto 7: no parágrafo referido ás áreas de socioloxía, de ciencia política e da administración e de comunicación, substitúese “A título orientativo, e como requisito necesario aínda por si mesmo non suficiente” por “Con carácter orientador e non excluínte”. Nos parágrafo referidos á psicoloxía e á biblioteconomía e documentación, substitúese “A título orientativo” por “Con carácter orientador e non excluínte”.
 
Subcampo 7.2. Ciencias da educación
 
No punto 2: engádese en 2018: “Como principio xeral, un número elevado de autores implicará a aplicación dun factor de redución na valoración do traballo se as súas esixencias de contido e metodoloxía non o xustifican”.

No punto 3 a): en 2017 dicíase “os artigos publicados en revistas situadas en posicións relevantes dos listados de Scimago Journal Rank (SJR)”; en 2018 requírese que, en SJR, sexan revistas en Q1 ou Q2: “os artigos publicados en revistas situadas en posicións relevantes (Q1 e Q2) dos listados de Scimago Journal Rank (SJR)”.

No punto 4: en 2018 desaparece a alusión ás autocitas, xa que se elimina a frase: “Igualmente, cando o traballo amose un nivel alto de autocitas”.

No punto 6: engádese un apartado, “g) Realización ou dirección de teses de doutoramento que non sexan de excepcionalidade contrastada”, como aportacións que non se tomarán en consideración. Deste xeito, só se poderá presentar como aportación a dirección de teses se estas son de "excepcionalidade contrastada".

No punto 7:
  • substitúese “A título orientativo, e como requisito necesario aínda por si mesmo non suficiente” por “Con carácter orientador e non excluínte”.
  • elimínase “ou que, en casos concretos que o comité poida estimar, conten cunha calidade científica similar ás incluídas nos apartados mencionados e satisfagan os criterios que se especifican no apéndice desta resolución”, o que implica que será necesario presentar cando menos 2 artigos que cumpran os requisitos establecidos: publicados en revistas incluídas en JCR ou en revistas situadas nos cuartís 1 ou 2 de SJR ou en revistas recollidas en Arts & Humanities Citation Index de WOS. Sempre “con carácter orientador e non excluínte”.
Campo 8. Ciencias económicas e empresariais
No punto 1: en 2017 as patentes trasladábanse só ao campo 6; en 2018 “trasladaranse ao Campo 6 (ou ao tramo de Transferencia)”.

No punto 6: substitúese “A título orientativo” por “Con carácter orientador e non excluínte”.
Campo 9. Dereito e xurisprudencia: sen cambios
Sen cambios
Campo 10. Historia, xeografía e artes
No punto 3: desaparece a referencia ás coleccións Science Citation Index e Social Science Citation Index de WOS, deixando só como referencia de calidade das revistas a súa inclusión nas bases de datos Arts & Humanities Citation Index, JCR nas edicións Science e Social Science, Emerging Sources Citation Index (as 3 de WOS) e SJR.

No punto 4: para libros e capítulos de libros, para valorar a calidade da editorial, engádese a posibilidade de empregar criterios que non sexan os recollidos en SPI e elimínase a atención á posición que a editorial ocupa nese ranking. Así, onde dicía “segundo sistemas recollidos no Scholarly Publishers Indicators, e atendendo particularmente á posición que ocupe nese ranking”, agora di “segundo sistemas recollidos no Scholarly Publishers Indicators ou, no seu caso, de outros de características similares”.

No punto 8 i): onde dicía “Os proxectos de investigación e a dirección de teses de doutoramento”, agora engade “que non sexan de excepcionalidade contrastada”; polo tanto, admítense proxectos de investigación e dirección de teses de doutoramento se son de excepcionalidade contrastada.

No punto 10:
  • substitúe en todos os casos “A título de orientación” por “Con carácter orientador e non excluínte”
  • no primeiro parágrafo, cando se refire ás áreas de historia e arte, en 2017 dicía “cando menos unha das aportacións debe ser un libro monográfico de investigación que conte con difusión e referencia internacionais” agora di “cando menos unha das aportacións debe ser un libro monográfico de investigación que conte con indicadores de difusión e referencia internacionais”.
Campo 11. Filosofía, filoloxía e lingüística
No punto 8, substitúese “A título orientativo, e como requisitos necesarios aínda por si mesmos non suficientes” por “Con carácter orientador e non excluínte”.