Para facer uso dunha obra allea protexida precisamos a autorización do autor. Non obstante, a Lei de Propiedade Intelectual prevé realizar determinados usos de obras protexidas sen necesidade de solicitar permiso aos seus titulares. En concreto, no ámbito da docencia e a investigación a lei permite:
A cita nunha obra propia de fragmentos de obras alleas de natureza escrita, sonora ou audiovisual e obras illadas de carácter plástico ou fotográfico figurativo, sempre que se trate dunha obra xa divulgada, con fins docentes e de investigación e indicando a fonte e nome do autor.
A reprodución, distribución e comunicación pública de pequenos fragmentos de obras e obras illadas de carácter plástico ou fotográfico figurativo feita polo profesorado da ensinanza regrada (Universitario e non universitario) impartida en centros do sistema educativo español e o persoal de universidades e organismos públicos de investigación científica sen finalidade comercial, e sempre que se cumpran
simultaneamente as seguintes condicións:
- Que se trate de obras xa divulgadas.
- Que as obras se usen só para a ilustración das súas actividades educativas (presenciais ou a distancia) ou con fins de investigación científica.
- Que as obras non sexan libros de texto, manuais universitarios ou publicacións asimiladas. Neste caso só se permite a distribución de copias entre os investigadores de proxectos de investigación concretos ou a inclusión dun enlace web no que os estudantes poidan acceder legalmente a obra.
- Que se inclúa o nome do autor e a fonte.
- Os autores e editores non terán dereito a remuneración pola realización destes actos.
A reprodución parcial, distribución e comunicación pública de obras (impresas ou susceptibles de selo) en universidades e centros públicos de investigación, con remuneración obrigatoria a autores e editores por medio de entidades de xestión, e sempre que concorran
simultaneamente as seguintes condicións:
- Que as obras se utilicen só para ilustración con fins educativos e de investigación.
- Que só se reproduza, distribúa ou comunique publicamente un capítulo de libro, un artigo de revista, ou unha extensión asimilable ao 10% do total da obra.
- Que os actos se realicen con medios e persoal propios.
- Que a distribución de copias se faga exclusivamente entre o alumnado e persoal docente do mesmo centro no que se efectúa a reprodución, ou que as obras comunicadas publicamente sexan de acceso restrinxido aos estudantes e persoal docente do centro onde se faga a reprodución, mediante redes internas ou pechadas ou no marco dun programa de ensinanza a distancia ofertado por este centro (intranets docentes).
(A Universidade de Vigo pode facer uso deste límite xa que paga a remuneración obrigatoria a CEDRO/VEGAP en virtude dun acordo firmado coa CRUE)