Localizador de recursos electrónicos
Portal da investigación da UVigo
O portal da investigación
O portal da investigación reúne a produción científica xerada polo persoal investigador da Universidade de Vigo co obxectivo de difundir e incrementar a visibilidade dos resultados da actividade investigadora da Universidade.

O portal permite:
  • Explorar a estrutura de I+D+I.
  • Consultar a produción científica do persoal investigador da Universidade de Vigo e os indicadores bibliométricos a nivel individual e por unidades, así como os resultados globais da Universidade.
  • Localizar ao persoal investigador e amosar o seu perfil profesional.
  • Dispoñer de publicacións actualizadas periodicamente procedentes de diversas fontes (Scopus, Dialnet, Invenes).
  • Completar a produción científica do persoal investigador e dos grupos.
Páxina de inicio e estrutura do portal
A páxina de inicio amosa a estrutura do portal que se organiza en tres apartados: GruposInvestigadores/as e Resultados.
Ademais, hai dispoñible unha caixa de busca par localizar por título a produción científica da Universidade.
Tamén se recolle un resumo enlazable dos datos que se integran no portal: nº de investigadores/as, grupos, publicacións etc.




 
Grupos
Reúne información sobre a actividade investigadora dos grupos de investigación. Están organizados por departamentos, centros de investigación e campus.  
Para buscar un grupo de investigación podemos introducir o nome do grupo na caixa de busca ou navegar a través dos departamentos, centros de investigación ou campus. 



De cada grupo ofrécese a seguinte información:
  • Detalle: data de constitución do grupo, responsable, centro, departamento, investigadores que forman parte etc.
  • Liñas de investigación.
  • Oferta científica.
  • Publicacións nas que participa algún membro do grupo.
  • Colaboración: persoal investigador e centros de investigación cos que colaboran os membros do grupo.
  • Teses dirixidas por algún membro do grupo.
  • Patentes de investigación.
  • Indicadores bibliométricos globais correspondentes á produción científica do grupo que permiten avaliar a calidade das publicacións. 

Investigadores
Neste apartado podemos localizar o persoal investigador da Universidade de Vigo, ben introducindo o nome e/ou apelidos na caixa de busca ou ben a través dos centros de investigación, campus, centros, departamentos, campus e áreas de coñecemento, que amosará o persoal investigador adscrito a estas unidades ou campus.



Nas unidades e campus visualízase a seguinte información: persoal investigador membro da unidade/campus, grupos de investigación, publicacións, colaboradores, teses defendidas e dirixidas, patentes e indicadores.

 

Para cada investigador/a proporciónase: perfil, publicacións, colaboración, teses (propia e dirixidas ou tribunais de teses nos que participou), patentes e indicadores (bibliométricos e coas citas recibidas).
No perfil facilítase diversa información como a categoría profesional, departamento, grupo de investigación, tese etc., e ligazóns aos seus diferentes perfis académicos e identificadores. 

O espazo persoal do investigador/a
O persoal investigador pode incluír e/ou modificar algúns dos datos persoais que aparecen no portal. Para iso, ten que acceder ao seu perfil premendo na opción "Identíficate", que se atopa na parte superior dereita do portal.



A continuación deberá seleccionar a Universidade de Vigo no sistema RedIRIS e introducir os datos de identificación universitaria. O autor/a só poderá acceder e interactuar coa súa páxina do Portal se o correo da súa páxina de autor coincide co correo institucional conectado a RedIRIS. 
Unha vez identificado amósase a opción de editar o perfil, onde poderá engadir ou modificar: a foto, url persoal, texto de presentación, palabras clave que definan a súa investigación e novos identificadores (non eliminar os existentes, xa que os que aparecen están validados pola biblioteca).
Ademais poderá:
  • Descargar o seu CVN completo (aínda en beta, en espera de validación da FECYT).
  • Calcular o impacto medio normalizado a partir das publicacións en Scopus.
  • Exportar a súa produción científica en diferentes formatos (toda ou unha selección). Os investigadores co rol de responsable de grupo de investigación poden exportar a produción do seu grupo, e teñen dúas opciones de descarga: só as publicacións ou as publicación cos indicadores.
  • Engadir novas publicacións que bote en falta no seu perfil.
  • Ocultar rexistros das súas publicacións. Non se amosaran esas publicacións no seu perfil, pero seguirán no portal e sairán na descarga de datos. 
Neste video do portal da Universidade da Rioja amósase como acceder ao perfil e como realizar as descargas dispoñibles.

 
Resultados
Este apartado amosa os resultados globais da Universidade de Vigo, e conta coas seguintes seccións:
  • Publicacións: recolle a produción científica amosando o total de publicacións por tipo (artigos, libros, capítulos etc.) e por anos.
  • Acceso aberto: reúne as publicacións e teses nas que participa persoal investigador da Uvigo.
  • Teses: pódense consultar por departamento e ano.
  • Colaboración: centros cos que colabora a Universidade e número de publicacións.
  • Patentes: permite consultar as patentes de investigadores/as da Universidade de Vigo rexistradas en España, así como ver os detalles das patentes e enlazar coa Oficina Española de Patentes e Marcas.
  • Indicadores globais: recolle o total número de citas recibidas en Scopus, Web of Science e Dialnet Métricas. Tamén se amosan graficamente os indicadores globais correspondentes a Journal Citation Reports, SCImago Journal Rank, Índice Dialnet de Revistas e Clasificación Integrada de Revistas Científicas.


Se precisa axuda
Por favor, contacte con:
  • portalcientifico@uvigo.gal:  para consultas sobre publicacións, identificadores e indicadores bibliométricos.
  • vicinv@uvigo.gal: as consultas doutro tipo pode remitilas á Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación.