Perseo. Preguntas frecuentes
Perseo é a principal ferramenta de busca de información que a Biblioteca Universitaria pon á túa disposición.
En Perseo poderás localizar documentos impresos e electrónicos: libros, revistas, artigos, capítulos de libro etc., tanto susbscritos pola UVigo como de acceso aberto. Ademais, permite recuperar o contido do repositorio institucional Investigo.
Quen pode acceder a Perseo?
Calquera persoa pode consultar Perseo, pero se ademais pertences á comunidade universitaria ou es persoal autorizado podes acceder aos servizos personalizados identificándote.
Como me identifico en Perseo?
Premendo en “Iniciar sesión” ou en “Menú>Tarxeta da Biblioteca”. En ámbolos casos, aparecen dúas opcións:
- Preme na opción 1 “Comunidade da Universidade de Vigo” se es PDI, PAS ou alumnado da UVigo e identifícate coas claves da autenticación centralizada.
- Preme na opción 2 “Persoas usuarias externas autorizadas” se es un usuario externo autorizado. Identifícate co código de barras do teu carnet da biblioteca e o teu contrasinal.
Que vantaxes teño se me identifico?
Se te identificas, podes acceder aos seguintes servizos:
- Ver e renovar os teus préstamos, facer reservas, ver o teu historial de préstamos etc.
- Gardar buscas e listas de resultados.
- Xestionar favoritos, engadir etiquetas e crear alertas.
- Ver os resultados completos das túas buscas.
Introduce unha ou máis palabras na caixa de busca (un autor, un título, unha ou máis palabras clave), escolle en que parte da colección queres buscar (todo, catálogo, recursos electrónicos, bibliografía recomendada) e preme na lupa. Os termos que introduzas poden aparecer en calquera lugar do documento. Se queres facer unha busca máis precisa deberás empregar a busca avanzada.
Que recupero se busco en Todo?
Buscará o teu termo de busca en todos os contidos, e recuperarás información en calquera formato físico ou electrónico.
Que recupero se busco en Catálogo?
Buscará só nos recursos que forman parte do catálogo da UVigo (impresos e electrónicos).
Que recupero se busco en Recursos electrónicos?
Se seleccionas buscar en "Recursos electrónicos" só recuperarás recursos sobre o teu tema de busca en formato electrónico.
Que recupero se busco en Bibliografía recomendada?
Só recuperarás recursos, sobre o teu tema de busca, que aparezan incluídos nas guías docentes das materias das diferentes titulacións que se imparten na UVigo.
É a opción de busca que permite indicar o campo no que queres que apareza o teu termo de busca. Podes escoller o campo "Título", "Autor", "Materia" etc., e combinalas entre sí con operadores booleanos (E, OU, NON).
Tamén permite establecer algúns filtros antes de iniciar a busca. Consulta a axuda para aprender a usar a busca avanzada.
Como reduzo o número de resultados se obteño moitos?
Na parte esquerda de Perseo podes ver diferentes opcións para limitar os resultados. En función do tipo de busca que realizas aparecen diferentes opcións de filtrado: por dispoñibilidade, tipo de recurso, biblioteca, autor, data, idioma, materia etc.
Obteño poucos resultados na miña busca, como podo ampliala?
Podes activar a opción “Ampliar os resultados con referencias sen acceso ao texto completo”. Neste caso amplías os resultados e recuperarás tamén referencias a documentos dos que non se proporciona o texto completo, pero que poderías solicitar por préstamo interbibliotecario.
Como busco un libro impreso?
Introduce o teu termo de busca (autor, palabras do título, palabra clave) e selecciona a opción Todo ou Catálogo. Filtra os resultados:
- En "Dispoñibilidade" selecciona "Na Biblioteca"
- En "Tipo de recurso" selecciona "Libro"
Como busco un libro electrónico?
Introduce o teu termo de busca (autor, palabras do título, palabra clave) e selecciona a opción “Recursos electrónicos”, en "Tipo de recurso" filtra por "Libros".
Como busco unha revista (impresa ou electrónica)?
Selecciona a opción REVISTAS no menú superior. Podes buscar revistas, impresas ou electrónicas, por título ou ISSN. Se a revista é electrónica verás a opción “Dispoñible en liña”. Se a revista é impresa verás en “Comprobar existencias” a información da biblioteca á que terás que dirixirte para consultala.
Como busco un artigo de revista electrónico?
Escribe varias palabras do título ou o nome do autor/a na caixa de busca. Selecciona "Todo" ou “Recursos electrónicos”. Filtra os resultados por “Tipo de recurso”> Artigos.
Se a revista é de acceso aberto accederás ao texto completo desde o enlace “Dispoñible en liña”. Se a revista é por subscripción accederás da mesma forma se estás dentro da rede da Universidade de Vigo. Para acceder as revistas subscritas pola BUV desde fóra da rede da universidade terás que activar o proxy no teu navegador. Consulta a información sobre como activar o proxy na
guía Conéctate.
Como busco un artigo de revista impreso?
En Perseo non podes buscar polo título do artigo dunha revista impresa. Terás que buscar polo título da revista e comprobar se a Biblioteca está subscrita a esa revista. En “Comprobar existencias” localizarás a Biblioteca na que se atopa. Lembra que as revistas non se prestan.
Podo descargar o texto completo dun documento electrónico?
Tanto se fas a busca seleccionando “Recursos electrónicos” como se buscas en "Todo" e filtras despois en "Dispoñibilidade" > "Dispoñible en liña", recuperarás recursos electrónicos. Desde a páxina de resultados premendo en “Dispoñible en liña” accede á sección “Ver online” do rexistro completo. Desde alí poderás descargar o texto completo (se o provedor o permite).
Como se ordenan os resultados?
Por defecto, o sistema ofrece os resultados ordenados por relevancia, pero tamén se poden ordenar por: data de publicación, título ou autor.
Como podo gardar unha busca?
Para gardar a busca, preme en “Gardar busca” do menú superior. Ao gardar a busca actívase a opción de activar unha alerta sobre esa busca, que podes activar ou rexeitar.
Como podo gardar os resultados dunha busca?
Para gardar os resultados da túa busca preme na icona da chincheta. Podes gardalos todos ou seleccionar os que che interesen. Con cada resultado ou coa listaxe de resultados aparecen varias opcións baixo o menú “Enviar”. Permiten enviar os resultados a un xestor de referencias, gardalos nun arquivo con formato RIS ou BibTeX, imprimilos, envialos por correo electrónico etc.
Gárdanse as buscas que fago en Perseo?
Se fas buscas estando autenticado estas gardaranse cronoloxicamente no teu "Historial de busca". Poderás velas e repetilas cando queiras. Se non inicias sesión, o "Historial de busca" eliminarase ao rematar a sesión.
Lembra que tamén dispós da opción "Gardar busca", que permite configurar alertas e notificacións automáticas sobre as buscas que desexes.