Localizador de recursos electrónicos
CRITERIOS CNEAI SOBRE A CALIDADE DAS PUBLICACIÓNS

Apéndice da Resolución de 21 de novembro de 2022 da CNEAI (BOE 21 de decembro de 2022) pola que se publican os criterios específicos aprobados para cada un dos campos de avaliación

Criterios que debe reunir un medio de difusión da investigación (revista, libro, actas de congreso) para que as aportacións que se inclúan nel poidan ser consideradas «de impacto»
 

A) Criterios concernentes á calidade da revista como medio de comunicación científica:

1. Identificación dos membros dos comités editoriais e científicos.

2. Instrucións detalladas aos autores.

3. Información sobre o proceso de avaliación e selección de manuscritos empregados pola revista, editorial ou comité de selección, incluíndo, por exemplo, os criterios, procedemento e informe para a aceptación dos orixinais a cargo de revisores ou xuíces preferentemente externos. Pódense tomar como referencia os indicadores recollidos en Scholarly Publishers Indicators (SPI).

4. Tradución do sumario, títulos dos artigos, palabras clave e resumos ao inglés, en caso de revistas.


B) Criterios sobre a calidade do proceso editorial:

1. Periodicidade das revistas e regularidade e homoxeneidade da liña editorial en caso de editoriais de libros.

2. Anonimato na revisión dos manuscritos, especialmente en sistema de dobre cego.

3. Comunicación motivada da decisión editorial, por exemplo, emprego pola revista, pola editorial ou polo comité de selección dunha notificación argumentada da decisión editorial que inclúa as razóns para a aceptación, revisión ou rexeitamento do manuscrito, así como os dictames emitidos polos expertos externos.

4. Existencia dun consello asesor, formado por profesionais e por investigadores de recoñecida solvencia, sen vinculación institucional coa revista ou editorial, e orientado a marcar a política editorial e sometela a avaliación e auditoría, así como con suficiente representatividade académica e mobilidade na súa composición.


C) Criterios sobre a calidade científica das revistas:

1. Porcentaxe de artigos de investigación; máis do 75% dos artigos deberán ser traballos que comuniquen resultados de investigación orixinais.

2. Autoría: grao de endogamia editorial, máis do 75% dos autores serán externos ao comité editorial e virtualmente alleos á organización editorial da revista.


Así mesmo, terase especialmente en conta a indexación das revistas nas bases de datos internacionais máis acreditadas que as categoricen por índice de impacto e difusión. 


Tratándose de libros e capítulos de libros valoraranse as editoriais que ocupen posicións destacadas, na súa especialidade, en Scholarly Publishers Indicators (SPI) ou, no seu caso, en outros de características similares. Tamén poderán considerarse, a xuízo da comisión, publicacións en coleccións editoriais universitarias que conten con selo de Calidade en Edición Académica (CEA-APQ) ANECA-UNE-FECYT.