Localizador de recursos electrónicos
COMO CITAR DE ACORDO AO ESTILO APA (7ª edición)








O estilo APA é o estilo de normas de citación adoptado pola American Psychological Association, e o máis empregado no ámbito das Ciencias Sociais. Nesta guía ofrécense unhas pautas baseadas na 7ª edición, e para dúbidas ou casuísticas especiais consultar o manual oficial da APA.
(Última actualización: febreiro 2021)

 

Cita no texto: pautas xerais
O estilo APA segue un sistema de cita no texto de autor-data no que cada cita no texto se corresponde cunha referencia na lista de referencias final. Se o autor é persoal, póñense só os apelidos e o ano.
APA recomenda parafrasear as fontes consultadas e non citalas literalmente. Nas paráfrases non é preciso indicar as páxinas, agás que se considere necesario para localizar información relevante; pola contra se a cita é literal é obrigatorio engadir as páxinas.
Hai dúas formas de facer a cita no texto:
 
a) Autor e ano de publicación van entre parénteses separados por unha coma. Por exemplo:   
 A causa principal da crise é o sistema capitalista (Walker, 2004)...
 
b) O autor incorpórase ao texto formando parte da oración e vai inmediatamente seguido do ano entre paréntese (é o que se denomina formato narrativo), agás que o ano estea no fluxo narrativo en cuxo caso non se usa a paréntese. Por exemplo:   
Walker (2004) opina que a causa principal da crise...
Xa Walker no 2004 opinaba que a causa principal da crise...
 
 
CITAS LITERAIS 

É cando reproducimos textualmente as palabras doutro traballo, e nestes casos teremos que engadir sempre as páxinas nas que aparece o texto citado. De non ter páxinas numeradas (por exemplo: páxinas web) indicaremos outra información que permita localizar a pasaxe citada (nome de sección, número de parágrafo etc.), e no caso de obras audiovisuais (vídeos, programas de TV etc.)  indicaremos o momento do comezo da cita (por exemplo, 1:02).

O estilo APA diferencia dous tipos de citas textuais: citas curtas (ata 39 palabras) e citas longas (40 palabras ou máis):


- Citas curtaso fragmento citado vai entre comiñas integrado no texto, coas dúas posibilidades:
 

a) Autor, ano e número de páxina van entre paréntese despois da cita ou ao final da frase (neste último caso a puntuación final vai despois da paréntese): 

O que se deduce dos datos recollidos é que "esta formación debe ser considerada como `formación de posgrao´, coas súas especificidades, no exercicio, na transferencia do coñecemento á acción e na aprendizaxe" (Serrallé Marzoa et al., 2010, p. 35).
 

b) Autor incorporado ao texto seguido do ano entre paréntese, e o número de páxina vai despois da cita entre paréntese (e antes da puntuación final da frase):

Afima Dans (2016) que "para toda una generación, esa connotación de expresión efímera es precisamente lo que evoca internet" (p. 11).

 
 

- Citas longas: a cita aparece sen comiñas como un bloque de texto independente, a dobre espazo e cunha sangría na marxe esquerda de aproximadamente 1, 27 cm.
 

a) Autor, ano e número de páxina van entre paréntese despois da puntuación final da cita.

    

 

b) Autor incorporado ao texto seguido do ano entre paréntese, e o número de páxina ponse despois da puntuación final da cita entre paréntese.
     

Cita no texto: autores e entidades
  • Autores persoais: póñense só os apelidos, agás cando nun traballo citamos obras de autores diferentes que teñen os mesmos apelidos; neste caso engádense as iniciais dos nomes para distinguilos:
          (García Salgado, 2021)
          R. Smith (2015) descubriu que... Outros investigadores discrepan na interpretación deses datos, por exemplo M. Smith (2018)
 
  • 2  autores: cítanse ambos unidos pola conxunción correspondente á lingua de redacción do documento; se esta é o inglés recoméndase utilizar "&", agás nas citas narrativas que se usará "and":
         Fernández Laxe e Moure (1997)
     
  • 3 ou máis autores: cítase o primeiro autor seguido de “et al.”:
         (González Mosquera et al., 2014)
         González Mosquera et al. (2014) 
     
  • Citar varios traballos do mesmo autor: se se citan varios traballos do mesmo autor á vez ordénanse cronoloxicamente polos anos de publicación separados por comas; se a data de publicación é tamén a mesma engádese unha letra minúscula para diferencialos, tanto no texto coma na lista de referencias:
         En las últimas décadas tanto en el contexto internacional como nacional, son muchas las voces (Griebel, 2000, 2004) que ahondan en los procesos de cambio.. 
         Pocos estudios combinan diferentes perspectivas (Merelo, 2012a, 2012b, 2012c).
     
  • Citar múltiples fontes de diferentes autores: ordénanse alfabeticamente separados por punto e coma se van na mesma paréntese, e se a cita é narrativa non necesitamos respectar ningunha orde.
         Pocos estudios combinan diferentes perspectivas con el fin de obtener una panorámica general de todos los agentes implicados (Fontil, 2014;  Petrakos, 2018; Recchia e Dvorakova, 2012).
     
  • Cando o primeiro autor non permite identificar claramente unha obra (por exemplo, dúas ou máis obras que comezan por un mesmo autor) engadiremos os autores subseguintes ata que poidamos diferencialas:
         Sánchez, Rovira, Álvarez, et al. (2018)
         Sánchez, Rovira, Besada, et al. (2018)
 
  • Grupo de autores, institucións ou entidades: escríbese o nome completo desenvolvido; se ademais ten un acrónimo ou sigla polo que é coñecido, a primeira vez escríbese o nome e as siglas e o resto só as siglas:
         Servizo Galego de Saúde (SERGAS, 2019)
         (Servizo Galego de Saúde [SERGAS], 2019)
     
  • Obra anónima: engadiremos na cita a palabra Anónimo:
         Foron anos de fame e morte causados pola invasión francesa (Anónimo, 1824).
     
  • Obra sen autor identificado: engádese na cita as primeiras palabras do título do documento, poñendo en maiúscula a primeira letra das palabras (pero non na lista de referencias); se o título se escribe en cursiva na referencia tamén irá en cursiva na cita, e senón o título escríbese entre comiñas:
       Os estudos amosan que . . . (“Debate da Crise Financeira,” 2018)
       Como se describe no informe Pobreza e Exclusión Social (2017) 
Elaboración de referencias bibliográficas: pautas xerais
A forma de redactar as referencias bibliográficas varía segundo o tipo de documentos que o estilo APA clasifica en catro grupos: textuais, materiais audiovisuais, medios en liña e data set. Non obstante, todas as referencias constan de catro elementos: autor, data, título e fonte. Despois de cada un destes elementos da referencia vai un punto, agás despois dun DOI ou URL porque pode interferir na funcionalidade do enlace. Cada un destes elementos responde a unha pregunta:
    - Autor: quen é o responsable do traballo?
   -  Data: cando se publicou?
   -  Título: como se chama o traballo?
    - Fonte: onde se pode recuperar?
Responder a estas catro preguntas axudará a crear calquera tipo de referencia. Os datos do documento citado, transcríbense na forma e idioma no que aparecen, pero tendo en conta que algúns elementos irán na lingua de redacción do noso traballo.
 

A) Autor

  • Os autores escríbense comezando polos apelidos, despois unha coma e as iniciais do nome seguidas dun punto cada unha e separadas entre elas por un espazo. 
  • Os apelidos do autor póñense tal e como aparecen na obra publicada, incluíndo apelidos con guión.
  • Ata 20 autores/as inclúense todos separados por comas, e o último autor engádese coa conxunción e/ y / & (segundo a lingua que empreguemos). Por exemplo: Lorenzo Souto, C. M. e Novoa Pazos, J.
    Se son 21 ou máis autores, inclúense os 19 primeiros separados por comas, despois tres puntos supensivos ... e a continuación engádese o último autor/a (sen conxunción).
  • Algunhas funcións como responsables da obra (editores, coordinadores de libros) indícanse a continuación do autor coa abreviatura entre paréntese: (Ed.), (Coord.), (Dir.). No caso de varios autores coa mesma función ponse a abreviatura en plural ao final de todos eles: (Eds.), (Coords.), (Trads.) Non debemos confundir ao editor coa editorial que publica o documento.  
  • Nas institucións, entidades ou grupo de autores escríbese o nome completo e non se inclúe ningunha abreviatura. Cando figuran varios organismos gobernamentais ponse como autor na referencia ao organismo máis específico.
  • No caso de obras sen autor o primeiro elemento da referencia é o título.
     

B) Data

  • Refírese á data de publicación ou creación da obra, e vai entre paréntese despois do autor/a. Aínda que na maioría das referencias ponse só o ano, nalgúns casos (artigos de xornais, vídeos de YouTube, posts de medios sociais, webs etc.)  ponse doutras formas: día, mes e ano; mes e ano etc.
  • Para un traballo aceptado para a súa publicación pero aínda sen publicar, escríbese “en prensa” (in press) en lugar do ano de publicación.
  • Se non aparece a data escribiremos as abreviaturas "s.d.", "s.f.", dependendo da lingua que estemos empregando.
  • No caso de traballos en liña que teñen data de actualización, esta debe incluírse na referencia se é claramente atribuíble ao contido específico que se cita. Nunca se indica a data da última revisión, xa que pode que ese contido non cambiara.
  • A data de recuperación só se inclúe cando unha obra pode cambiar co tempo (por exemplo, a entradas de dicionarios en liña), e ponse despois dos datos da fonte co seguinte formato: Recuperado día de mes de ano, de URL. Por exemplo:
       Real Academia Española. (s.d.). Plagio. En Diccionario de la Lengua Española. Recuperado 16 de xuño de 2020, de https://dle.rae.es/plagio
 

C) Título

  •  O título da referencia refírese ao título do traballo citado, e pode ser:
 - A cita dun documento completo: libros, informes, teses, vídeos, películas, posts de medios sociais, páxinas e sitios webs etc. Nestes casos o título vai en cursiva:
     Munro, A. (2012). Demasiada felicidad. Debolsillo.

- A cita dunha parte dun documento: cando unha obra forma parte dun todo maior (por exemplo, un artigo de revista ou un capítulo de libro) o título do artigo ou capítulo, aparece no elemento do título da referencia, e o título do todo maior (a revista ou o libro editado) aparece no elemento fonte en cursiva:
     Mosquera, E.  e Wellings M.P. (2014). Os códigos lingüísticos da rede e a paisaxe lingüística galega. Estudos de Lingüística Galega, 6 (2014), 73-17.
  • A información relativa á edición ou números de volume nas referencias de libros e informes, vai entre parénteses despois do título e sen cursiva. Se se inclúe información sobre edición e volume, sepáranse cunha coma, poñendo primeiro o número da edición.
  • Nalgúns casos indícase o tipo de documento entre corchetes despois do título para axudar a identificar a obra. Por exemplo: [Software de ordenador], [Tese de doutoramento], [Fotografía], [Nota de prensa],  [Tweet], [Vídeo] etc.
 

D) Fonte

  • O formato da fonte varía segundo a referencia corresponda a unha obra completa ou a unha parte:
    - Nas referencias de obras completas a fonte é o editor, sitio web etc., en letra normal.
    - Nas referencias de partes de obras a fonte é a obra global que a contén (escríbese en cursiva algunhas partes da fonte).    
  • Se os traballos teñen DOI sempre hai que incluílo, independentemente de se se utilizou a versión en liña ou a versión impresa, seguindo o formato https:// doi. org/ xxxxx (sen escribir DOI antes). Se un traballo ten DOI e unha URL, inclúese só o DOI.
  • Para traballos sen  DOI de sitios web, indicarase a URL sempre que esta permita ao lector acceder ao traballo.
  • Tanto o  DOI como a URL van con hipervínculo, e non levan punto ao final, xa que pode interferir co funcionamento do enlace.
  • Permítese acurtar o DOI e a URL. Mentras a URL pode acurtarse con calquera aplicación, para o DOI debe empregarse ShortDOI
  • Se recuperamos un traballo dunha base de datos académica, non se inclúe o nome da base de datos ou a URL do traballo na base de datos, xa que a maioría están dispoñibles en varias bases de datos ou plataformas. Só se indica nos poucos casos en que as bases de datos publican material orixinal propietario ou de circulación limitada, e nestes casos se a URL é específica da sesión (o que significa que o lector non poderá acceder directamente) proporciónase a URL da páxina de inicio da base de datos ou a páxina de inicio de sesión.


ABREVIATURAS PERMITIDAS

Na redacción das referencias poden utilizarse as seguintes abreviaturas, segundo a lingua que empreguemos na redacción do traballo.

  
Referencias de documentos textuais: libros e capítulos de libros, artigos de revistas, teses, congresos etc.
Neste apartado ofrecemos exemplos dos documentos textuais máis comúns, tanto impresos coma electrónicos.
As referencias dos documentos textuais electrónicos seguen, en xeral, os mesmos esquemas que os documentos impresos pero engadindo o DOI ou a URL, datos que revelan o seu carácter dixital e permiten a súa localización:
  • O DOI debe incluírse para todos os traballos que o teñan, independentemente de se se utilizou a versión en liña ou a versión impresa, seguindo o formato https:// doi. org/ xxxxx (sen escribir DOI antes).
  • Se un traballo ten tanto un DOI como unha URL, inclúese só o  DOI.
  • DOI e URL van con hipervínculo e non levan punto ao final, xa que pode interferir co funcionamento do enlace.
  • Nos caso dos traballos recuperados da maioría das bases de datos académicas (por exemplo: Scopus, Web of Science, Medline, Dialnet etc.) non se inclúe a URL nin o nome da base de datos, xa que están dispoñibles en varias bases de datos ou plataformas; só se indica nos poucos casos nos que as bases de datos publican material orixinal propietario ou de circulación limitada (por exemplo: ProQuest Dissertations & Theses ou as monografías en ERIC), e ponse o nome da base de datos e a URL da obra (se a URL é específica da sesión, o que significa que o lector non poderá acceder directamente, proporcionarase a URL da páxina de inicio da base de datos ou da páxina de inicio da sesión).

 

Libros

 Autor. (Ano de publicación). Título do libro en cursiva. Editorial.
 Autor. (Ano de publicación). Título do libro en cursiva. Editorial. DOI ou URL con acceso

Na 7ª edición da APA non se inclúe a localización do editor. A información sobre a edición vai entre paréntese despois do título e sen cursiva. Se o libro ten DOI inclúese este despois do nome do editor, e se non o ten e é un libro electrónico dunha base de datos académica remata a referencia despois do nome do editor (non se inclúe información da base de datos na referencia) sendo neste caso a referencia a mesma que para un libro impreso.

Exemplos:
- González Reino, W. J. (2009). Evolucionismo: Darwin y enfoques actuales. Netbiblio.
- Maquilón Sánchez, J. J., Izquierdo Rus, T. e Gómez Carrasco, C. J. (Coords.). (2012). Experiencias de Investigación en Educación Infantil y Educación Primaria. Ediciones de la Universidad de Murcia. https://doi.org/10.6018/editum.2764
- Jackson, L. M. (2019). The psychology of prejudice: From attitudes to social action (2ª ed.). American Psychological Association. https://doi.org/10.1037/0000168-000


Capítulos de libros

Autor do capítulo. (Ano de publicación). Título do capítulo ou contribución. En Autor do libro (Ed., Coord. etc.), Título do libro en cursiva (páxinas do capítulo). Nome editorial.
Autor do capítulo. (Ano de publicación). Título do capítulo ou contribución. En Autor do libro (Ed., Coord. etc.), Título do libro en cursiva (páxinas do capítulo). Nome da editorial. DOI ou URL con acceso
 
Na 7ª edición da APA non se inclúe a localización do editor. Calquera información relativa á edición vai na mesma paréntese do rango de páxina do capítulo separado cunha coma. Se o libro non ten DOI e é un libro electrónico dunha base de datos académica a referencia remata despois do nome do editor (non se inclúe información da base de datos na referencia), sendo neste caso a referencia a mesma que para un capítulo dun libro impreso:

Exemplos:
- Barsanti, M. J. (2016). Reflexiones sobre las entradas y equivalencias alemanas en un diccionario plurilingüe de marketing, publicidad y comunicación. En C. Valcárcel e T. Silva (Eds.), Escritos sobre lexicografía plurilingüe especializada (pp. 59-65). Comares. 
- Irwin, C. e Axe, J. B. (2019). Overview of applied behavior analysis and early intervention for autism spectrum disorder. En S. G. Little e A. Akin-Little (Eds.), Applying psychology in the schools book series. Behavioral interventions in schools: Evidence-based positive strategies (p. 205–226). American Psychological Association. https://doi.org/10.1037/0000126-012
- Lorah, E. R. e Tincani, M. (2019). Verbal behavior intervention in autism spectrum disorders. En S. G. Little e A. Akin-Little (Eds.), Applying psychology in the schools book series. Behavioral interventions in schools: Evidence-based positive strategies (2ª ed., p. 263–284). American Psychological Association. https://doi.org/10.1037/0000126-015

 

Artigos de revistas

Autor. (Ano de publicación). Título do artigo. Título da Revista en Cursiva, volume en cursiva(número), páxinas.
Autor. (Ano de publicación). Título do artigo. Título da Revista en Cursiva, volume en cursiva(número), páxinas. DOI ou URL con acceso ao artigo
   
O título das revistas van en cursiva coa primeira letra das palabras en maiúsculas.
O número de páxinas do artigo non vai precedido das abreviaturas "p." ou “pp”. Se o artigo non ten un rango de páxinas pero ten un número inclúese a palabra "artigo" e despois o número de artigo no lugar das páxinas.
Se un artigo de revista non ten DOI e procede dunha base de datos académica a referencia remata despois do rango de páxinas, sendo neste caso a mesma que para un artigo impreso (agás que proceda dunha base de datos que publique obras de circulación limitada ou contido orixinal). Se o artigo non ten DOI pero ten unha URL que permita ao lector acceder ao texto completo (por exemplo, se é dunha revista en liña que non forma parte dunha base de datos), inclúese a URL do artigo ao final da referencia.

Exemplos:
- Figueras, S., Capllonch, M., Blázquez, D. e Monzonís, N. (2016). Competències bàsiques i educació física: Estudis i investigacions. Apunts, (123), 34-43.
- Queiruga-Dios, M. A., López-Iñesta, E., Diez-Ojeda, M., Sáiz-Manzanares, M. C. e Dorrío, J. B. (2020). Citizen science for scientific literacy and the attainment of sustainable development goals in formal education. Sustainability, 12(10), Artigo 4283. https://doi.org/10.3390/su12104283
- Ocampo Gómez, C. I., Caeiro González, M. e Sarmiento Campos, J. A. (2012). Las TIC y la funcion tutorial en la etapa de educación infantil: La opinión del profesorado en los centros públicos del sur de Galicia. Revista Española de Orientación y Psicopedagogía, 23(2), 60-78. https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=4400830&orden=1&info=link
 
 


Artigos de periódicos

Autor. (Data completa de publicación). Título do artigo. Título do periódico, páxinas.
Autor. (Data completa de publicación). Título do artigo. Título do periódico. URL con acceso ao artigo
   
Na versión impresa indícanse as páxinas do artigo despois do título do periódico, pero sen cursiva e sen as abreviaturas "p." ou “pp”. antes das páxinas.
Se o artigo é dun periódico en liña que ten unha URL que permite aos lectores acceder ao artigo, inclúese a URL do artigo ao final da referencia.
Se o artigo é dun sitio web de noticias que non ten un periódico asociado (por exemplo, CNN, HuffPost), a referencia elabórase como se fose unha páxina web nun sitio web de noticias.

Exemplos:  
- Torres, R. (9 de xaneiro de 2003). The Internet generation. The New York Times, 4-6.
- Íñiguez, B. (17 de outubro de 2017). Los portugueses dicen basta ante una ola de incendios que dejó 38 muertos en tres días. La Voz de Galicia. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2017/10/17/portuguese s-dicen-basta-ante-ola-incendios-dejo-38-muertos-tresdias/0003_201710G17P14991.htm
 


Teses doutorais e traballos de fin de estudos


Publicados:

A APA considera que unha tese está publicada cando está dispoñible nunha base de datos, arquivo ou repositorio institucional.
 
Autor. (Ano de publicación). Título do traballo en cursiva [Tese de doutoramento, Nome da institución]. Fonte.
Autor. (Ano de publicación). Título do traballo en cursiva [Tese de doutoramento, Nome da institución]. Fonte. URL con acceso
 
No elemento fonte da referencia proporciónase o nome da base de datos, repositorio ou arquivo onde se recuperou. A URL só se inclúe se permite aos lectores acceder ao texto completo, senón remata a referencia co nome da fonte.
Se a base de datos asigna números de publicación ás teses, este engádese entre paréntese despois do título da tese pero sen cursiva.

Exemplos:
- Losada Sánchez, M. N. (2013). Comportamiento turístico de los seniors a partir de las variables del ciclo de vida, nivel sociocultural y factores autopercibidos [Tese de doutoramento, Universidade de Vigo]. Investigo. http://hdl.handle.net/11093/101
- Rey Rocha, J. (1998). Research in earth sciences in the framework of the spanish system of scientific evaluation: A bibliometric analysis (Publicación núm. 9986131) [Tese de doutoramento, Universidad Autónoma de Madrid]. ProQuest Dissertations & Theses Global.  



Non publicados:

Autor. (Ano de lectura). Título do traballo en cursiva [Tese de doutoramento inédita]. Nome da institución.
 
Este mesmo formato pódese adaptar a outros traballos de fin de estudos inéditos cambiando a redacción da descrición entre corchetes segundo corresponda.

Exemplo:
- Rodríguez, M. L. (2009). El Cine como estrategia promocional y de definición de producto artístico: Evaluación de su impacto en la imagen percibida del destino [Tese de doutoramento inédita]. Universidade de Vigo.

 

Posts en Blogs

Autor. (Data completa de publicación). Título do posts. Nome do Blog. URL con acceso ao posts

Exemplo:
- Martínez, E. (1 de xuño de 2016). ¿Qué pasa con los no-usuarios? Biblogtecarioshttps://www.biblogtecarios.es/eliramirez/que-pasa-con-los-no-usuarios/

 

Actas de congresos

As actas de congresos publicadas seguen o mesmo formato que a forma de publicación: artigo da revista, libro ou capítulo de libro.
 


Presentacións a congresos e conferencias

Inclúen relatorios, papers, pósteres etc.
 
Autor da presentación. (Datas completas de celebración). Título da presentación [Tipo de presentación ou contribución]. Nome do Congreso, Localización.
Autor da presentación. (Datas completas de celebración). Título da presentación [Tipo de presentación ou contribución]. Nome do Congreso, Localización. URL con acceso á presentación

A data será a da duración de todo o congreso.
Engádese unha descrición do tipo de presentación entre corchetes despois do título.

Exemplo:
- Evans, A. C., Garbarino, J., Bocanegra, E., Kinscherff, R. T. e Márquez-Greene, N. (8–11 de agosto de 2019). Gun violence: An event on the power of community [Presentación a congreso]. APA 2019 Convention, Chicago, IL, United States. 
Referencias de documentos audiovisuais: vídeos, películas, series, podcast etc.
Os recursos audiovisuais inclúen documentos sonoros coma música e gravacións de voz, documentos visuais coma PowerPoint e fotografías, e documentos audiovisuais coma películas, programas de televisión e vídeos de Youtube.
O responsable da obra será diferente en función do tipo de documento: Director, Produtor executivo, Compositor etc.
Hai que proporcionar unha descrición do tipo de documento entre corchetes a continuación do título: [Película], [Serie de televisión], [Audio en podcast] etc.
No elemento fonte indicarase o nome da compañía produtora da película ou serie de televisión, o sitio onde se aloxa o vídeo, o selo discográfico, o museo onde se atopa a obra etc.


Vídeos de Youtube

 Nome da conta. (Data). Título do vídeo en cursiva [Vídeo]. YouTube. URL específica do vídeo 
 
A persoa ou grupo que subiu o vídeo acredítase como autor, aínda que non crease o traballo. Se a conta non creou a obra e é importante que os lectores o saiban, explícase no texto.
A data será a que se subiu o vídeo.

Exemplo:
- Marquina, J. (27 de febreiro de 2013). El community manager bibliotecario o el bibliotecario encargado de la web social [Vídeo]. YouTube. https://www.youtube.com/watch?v=MbEleVaNJIc
 


Películas 

  Autor (Director). (Data). Título da película en cursiva [Película]. Produtora. 

Exemplo:
- Jeunet, M. P. e Caro, M. (Directores). (2002). Delicatessen [Película]. Universal Pictures International.
 


Series de televisión

 Autor (Produtor executivo). (Datas). Título da serie en cursiva [Serie de televisión]. Produtora. 
 
Exemplo:
- Ibáñez Serrador, N. (Produtor executivo). (1966-1982). Historias para no dormir [Serie de televisión]. Radio Televisión Española.
 


Podcast 

  Autor (Función). (Data). Título do podcast [Tipo de podcast]. Produtora. URL 
 
O presentador/a aparecerá como autor e indicarase a función entre parénteses. Ademais, se se coñece, poden incluírse ás persoas que realizan a produción executiva e indicarase a súa función entre paréntese.
Hai que especificar o tipo de podcast (audio ou video) entre corchetes.
Se se descoñece a URL porque se accede a través dunha aplicación, omítese a URL. 

Exemplo:
- Galilea, C. (Presentador). (2008-presente). Cuando los elefantes sueñan con la música [Audio podcast]. Radio3. https://www.rtve.es/alacarta/audios/cuando-los-elefantes-suenan-con-la-musica/
Referencias de medios en liña: páxinas web e redes sociais


PÁXINAS E SITIOS WEB

Se se menciona un sitio web en xeral e non unha información concreta do sitio non hai que crear unha referencia nin citalo no texto, só hai que mencionar o nome no texto e engadir a URL entre paréntese.



Páxina web nun sitio web de noticias

Este formato úsase para artigos dun sitio web de noticias que non teñen diarios nin semanais asociados  (por exemplo: CNN, BBC News, Reuters etc.). Para artigos de periódicos como El País, Faro de Vigo, The New York Times etc., ver o punto correspondente no apartado de "Referencias de documentos textuais".
 
Autor. (Data completa de publicación). Título do artigo en cursiva. Nome do sitio web de noticias. URL con acceso ao contido
   
Exemplo:
- Woodyatt, A. (10 de setembro de 2019). Daytime naps once or twice a week may be linked to a healthy heart, researchers say. CNN. https://www.cnn.com/2019/09/10/health/nap-heart-health-wellness-intl-scli/index.html
 


Páxina nun sitio web con autor gobernamental

   Axencia específica. (Data completa). Título do contido ou parte da páxina web en cursiva. Axencia superior. URL da páxina

Para unha páxina nun sitio web do goberno sen autores individuais ponse coma autor a axencia específica responsable da páxina web, e na fonte a axencia ou organismo de nivel superior.
Se existe unha data de actualización atribuíble ao contido específico úsase esta e non a do sitio web en xeral (non se pon a data de revisión).

Exemplo:
- National Institute of Mental Health. (Xullo de 2018). Anxiety disorders. U.S. Department of Health and Human Services, National Institutes of Health. https://www.nimh.nih.gov/health/topics/anxiety-disorders/index.shtml



Páxina nun sitio web dunha organización como autor

   Organización. (Data completa). Título do contido ou parte da páxina web en cursiva. URL da páxina

Para unha páxina nun sitio web dunha organización sen autores individuais ponse o nome da organización como autor, e omítese o nome do sitio no elemento fonte para evitar a repetición (xa que o autor da páxina web e o nome do sitio son os mesmos).
Na data proporciónase a máis específica posible, e se hai unha claramente atribuíble ao contido concreto que se cita, ponse esta no lugar da do sitio web en xeral (non se pon a data de revisión).

Exemplo:
- World Health Organization. (24 de maio de 2018). The top 10 causes of death. https://www.who.int/news-room/fact-sheets/detail/the-top-10-causes-of-death

 

Páxina nun sitio web con autor individual

Autor. (Data completa). Título do contido ou parte da páxina web en cursiva. Nome do sitio web. URL con acceso ao contido

Cando na páxina web aparece un autor individual este figurará como autor na referencia, e o nome do sitio web vai no elemento fonte.
Na data proporciónase a máis específica posible, e se hai unha claramente atribuíble ao contido concreto que se cita ponse esta no lugar da do sitio web en xeral (non se pon a data de revisión).

Exemplo:
- Giovanetti, F. (16 de novembro de 2019). Why we are so obsessed with personality types. Medium. https://medium.com/the-business-of-wellness/why-we-are-so-obsessed-with-personality-types-577450f9aee9
 


REDES SOCIAIS

 

Chíos (Tweet)

  Autor [@Nome de usuario/a]. (Data específica do chío). Título coas 20 primeiras palabras do chío [Chío]. Twitter. URL do chío 

No título póñense as 20 primeiras palabras do chío, e cada URL, hashtag ou emoticona conta como unha palabra e estes conservaranse sempre que sexa posible (senón indicarase o seu nome entre corchetes).  Se o chío inclúe imaxes, vídeos, enlaces en miniaturas etc., indicarase entre corchetes despois do título: [Imaxe adxunta], [Vídeo adxunto], [Miniatura coa ligazón adxunta].
O formato usado para Twitter tamén se usa para Instagram e TikTok.

Exemplo:
Gates, B. [@BillGates]. (7 de setembro de 2019). Today, it’s difficult for researchers to diagnose #Alzheimers patients early enough to intervene. A reliable, easy and accurate diagnostic would [Miniatura coa ligazón adxunta] [Chío]. Twitter. https://twitter.com/BillGates/status/1170305718425137152
Referencias de Data set
No caso de datos ou estatísticas publicadas cítase a fonte na que se publicaron os datos (artigo de revista, informe, páxina web...) e non o propio conxunto de datos.
Os conxuntos de datos (data sets) cítanse cando se realizou unha análise secundaria de datos arquivados publicamente ou de datos propios que se presentan por primeira vez no traballo.
 
Autor. (Data). Título do conxunto de datos (Identificador númerico; Versión) [Conxunto de datos]. Editorial ou fonte dos datos. URL con acceso aos datos

A data é o ano de publicación da versión dos datos empregados. Calquera identificador numérico e número de versión dos datos vai despois do título, entre parénteses e sen cursiva, separados por un punto e coma, e a continuación entre corchetes a descrición segundo os elementos asociados, por exemplo: [Conxunto de datos], [Conxunto de datos e libro de códigos] etc.
Na fonte indicarase quen publicou os datos.   
  
Exemplo:
-O’Donohue, W. (2017). Content analysis of undergraduate psychology textbooks (ICPSR 21600; Version V1) [Conxunto de datos]. ICPSR. https://doi.org/10.3886/ICPSR36966.v1
A lista de referencias bibliográficas
O Manual de Publicacións da APA establece que ten que elaborarse unha lista de Referencias final que inclúa os recursos que se utilizaron na realización do traballo, de xeito que cada cita no texto teña a súa correspondente referencia bibliográfica na lista final. Unha excepción a esta regra son as citas de comunicacións persoais (cartas, correos-e  etc.), sitios web completos, software de uso común etc. que non se incluén nesta lista de referencias final. 
A lista de referencias debe comezar nunha páxina nova co título "Referencias" en posición centrada e letra grosa. Todas as referencias irán a dobre espazo, e cada entrada coa primeira liña totalmente á esquerda e as subseguintes con sangría de 1,27 cm.

As referencias ordénase alfabeticamente pola primeira palabra da referencia, tendo en conta que:
  • As referencias de traballos de autores cos mesmos apelidos e diferentes iniciais ordenaranse pola orde alfabética das iniciais (nas citas no texto tamén se incluirán as iniciais do nome).
  • Se un autor/a ten varias obras ordenaranse pola data de publicación, da máis antiga á máis recente.  
  • No caso de obras dun mesmo autor e ano distinguiranse incluíndo unha letra minúscula despois do ano, tanto na referencia como na cita no texto. Nestes casos, as referencias que só inclúen o ano preceden ás máis específicas, e estas últimas colócanse en orde cronolóxica. Se as referencias tamén teñen datas idénticas, entón ordenaranse alfabeticamente polo título (sen ter en conta as palabras "A", "An" e " The" ao comezo do título).
  • As referencias das publicacións individuais preceden as obras en colaboración cando comezan co nome da mesma persoa, aínda que a obra en colaboración se publicara con anterioridade.
  • No caso de traballos dun autor en colaboración con outros autores, a orde virá indicada polo apelido do segundo autor ou o terceiro en caso de coindicir o segundo e así sucesivamente, independentemente do ano de publicación.
  • Os números ordénanse como se estiveran escritos con letras (ex. 24 ordénase coma se puxera vinte e catro).