Localizador de recursos electrónicos
Sexenios CNEAI 2019. Novidades
Principais novidades
Como cada ano, Emilio Delgado López-Cózar realiza unha exhaustiva análise da convocatoria e criterios para a obtención de sexenios no 2019. Nesta guía facemos unha síntese dos seus puntos destacados.

A principal novidade é a separación da avaliación da transferencia de coñecemento e innovación que a partir de agora terá unha convocatoria específica.

Os limiares para obter a avaliación permanecen case inalterados con respecto a convocatorias anteriores.

Os principais cambios están relacionados coas fontes de datos empregadas nalgunhas áreas, especialmente nas de Ciencias Sociais, Xurídicas e Humanidades.
 
  • Os rankings de revistas chegan ao Dereito e seguen penetrando nas Humanidades e Ciencias Sociais. Inclúese o Ranking de revistas científicas con sello de calidad FECYT en todas as áreas de Ciencias Sociais e Humanidades (campos 7 ao 11) agás no campo 8 de Ciencias Económicas e Empresariais. Outros produtos incluídos nesta convocatoria son: Dialnet Métricas e CIRC (Clasificación Integrada de Revistas Científicas).
     
  • Progresiva aceptación do Scimago Journal  Rank (SJR) que nalgún campo chega a equipararse ao JCR, como no Subcampo 6.3 Arquitectura, Enxeñería Civil, Construción e Urbanismo. Tamén figura como base de datos complementaria en todas as disciplinas de Ciencias Sociais (aínda que non conta do mesmo xeito que JCR) e en Humanidades aparece xunto a outras bases de datos en aparente pé de igualdade (aínda que en Historia sinálase que se consideran só as revistas que ocupen posicións relevantes).

Patentes: trasládase a avaliación daquelas solicitudes que conteñan patentes ao Campo 6 Enxeñerías e Arquitectura, previo informe do comité correspondente onde o investigador estea adscrito e suprímese a alusión ao campo de Transferencia de Coñecemento e Innovación.

Inclúense como achegas extraordinarias ás creacións musicais.

Os campos que non sufriron cambios foron o 1 (Física e Matemáticas), 2 (Química), 3 (Bioloxía Celular e Molecular), 4 (Ciencias Biomédicas), Campo 1 (Matemáticas e Física). Asimesmo, revisáronse diversas especificacións nos campos 8 (Ciencias Económicas e Empresariais), 9 (Dereito e Xurisprudencia), 6.1 (Tecnoloxías Mecánicas e da Produción), 6.2 (Enxeñerías da Comunicación, Computación e Electrónica), 5 (Ciencias da Natureza).

Os campos máis modificados foron o 6.3 (Arquitectura, Enxeñería Civil, Construción e Urbanismo), 7 (Ciencias Sociais, Políticas, do Comportamento e da Educación) 10 (Historia, Xeografía e Artes) e 11 (Filosofía, Filoloxía e Lingüística).

A continuación, resumimos os principais cambios.
Campo 6. Enxeñarías e arquitectura

Subcampo 6.1 Tecnologías Mecánicas y de la Producción

No punto 1, onde di "As achegas só serán valorables se significan progreso real do coñecemento ou desenvolvemento tecnolóxico medible" engádese a apostila “dentro do ámbito e das áreas de coñecemento das Tecnoloxías Mecánicas e da Produción.


Subcampo 6.3 Arquitectura, Enxeñería Civil, Construción e Urbanismo.
 

Artigos: a partir deste ano acéptanse como revistas de recoñecida valía a aquelas indizadas en Scimago Journal  Rank (SJR), que pasa a ter a mesma consideración que o Journal  Citation  Reports (JCR)  Science Edition.

Capítulos de libros: por unha banda, exclúense abertamente da valoración aqueles capítulos de libros derivados de congresos cando foron publicados en editoriais de prestixio internacionais e fosen derivados de comunicacións en congresos internacionais con revisión por pares e comité científico de prestixio. Doutra, suprímese unha apostila que valoraba negativamente os libros publicados pola propia universidade, en liña co que se advirte en toda a normativa da CNEAI de crecente aceptación do labor desenvolto polas editoriais universitarias.

As comunicacións a congresos deixan de ser valoradas neste subcampo en calquera formato que se presenten.

Desaparece a mención expresa ás bases de datos TRIS Electronic  Bibliography Data e International Development Abstracts e substitúese pola formulación xenérica “artigos publicados en revistas recollidas en bases de datos internacionais de Enxeñería”.
Campo 7. Ciencias sociais, políticas, do comportamento e da educación

Subcampo 7.1 Ciencias Sociais, Políticas, do Comportamento e de Estudos de Xénero
 

Cambia o nome xenérico deste subcampo e engádense os Estudos de Xénero, así como novas áreas non mencionadas en convocatorias anteriores: Antropoloxía Social, Traballo Social e Servizos Sociais e Historia do Pensamento e dos Movementos Sociais.

Prodúcese unha maior diferenciación nas esixencias para alcanzar o sexenio segundo disciplinas: aparecen desagregados Estudos de Xénero, por unha banda, Antropoloxía Social, Traballo Social e Servizos Sociais e Historia do Pensamento e dos Movementos Sociais, por outra e un bloque xenérico que englobaría “as áreas distintas ás mencionadas no apartado 7”, isto é, todas as que non pertencen a Socioloxía, de Ciencia Política e da Administración, e de Comunicación, Psicoloxía, Biblioteconomía e Documentación.
 

Subcampo 7.2 Ciencias da Educación

Artigos: seguen tendo preferencia os revistas indizadas no JCR, pero elimínase a obrigación expresa de que as revistas indexadas en SJR sexan do primeiro e segundo cuartil, substituíndoo  por “revistas situadas en posicións relevantes” (sen que “necesariamente se valoren por igual” que o JCR Social Sciences Edition e Science Edition).  Asimesmo, engádense como fontes de avaliación o Ranking de revistas científicas con Sello de Calidad FECYT e Dialnet Métricas.

Campo 8. Ciencias Económicas e Empresariais
Artigos: endurécese e a cualificación que deben obter as achegas indizadas en JCR e SJR. En 2018 esixíase que polo menos dúas das cinco achegas foran artigos publicados en revistas JCR de relevancia significativa, este ano deben ser de relevancia "moi significativa". No caso de SJR só se admiten as revistas en posicións "moi relevantes", cando no 2018 falábase só de relevantes.

Libros e capítulos de libros: hai unha modificación terminolóxica, substitúese o vocablo "estranxeiras" por internacionais ao referirse as editoriais recollidas no Scholarly Publisher Indicators (SPI).
Campo 9. Dereito e Xurisprudencia
Artigos: introdúcese o Ranking de revistas con Sello de Calidad FECYT como indicio de calidade, "valorarase como indicio de calidade a publicación en revistas científicas especializadas e recoñecidas, españolas ou estranxeiras, que preferentemente deberán cumprir os criterios que se especifican no Apéndice desta Resolución e/ou estean en bases de datos recoñecidas (por exemplo, a clasificación de revistas científicas españolas con selo de calidade FECYT).
Campo 10. Historia, xeografía e artes
Para libros e capítulos de libros engádense aos criterios que figuraban o ano anterior (prestixio da editorial e a existencia dun procedemento selectivo para a aceptación de orixinais) "o contido e a relevancia científica". Como indicio de calidade editorial incorpórase o Sello de Calidad en Edición Académica (CEA-APQ) e valorarase a posición que ocupe en rankings nacionais e internacionais. Asimesmo, non se tomarán en consideración “a mera edición ou coordinación de números monográficos en revistas ou a coordinación ou edición de libros, con independencia do rango da revista ou editorial”.

Comisariado de exposicións: "teranse en conta os proxectos que acheguen novidades relevantes de investigación, (…) así como os criterios determinados nos apartados anteriores respecto a calidade do proxecto, medio de difusión e repercusión nos medios especializados nacionais e internacionais".

Número de autores: se ata o de agora indicábase que “…un elevado número de autores pode reducir a cualificación asignada a unha achega” pásase a declarar explícitamente que “un elevado número de autores reduce a cualificación asignada....”.

Tipos de aportacións admitidas: as achegas consideradas de carácter extraordinario (informes, estudos e ditames, traballos técnicos ou artísticos, participación en exposicións de prestixio, escavacións arqueolóxicas ou catalogacións, dirección de teses doutorais de méritos excepcionais, comunicacións a congresos) "deberán acreditar a súa valía conforme uns criterios de calidade ben establecidos e alcanzados por parte do investigador".
Campo 11. Filosofía, filoloxía e lingüística
Artigos: ás fontes de avaliación de referencia engádese o Ranking de revistas con Sello de Calidad FECYT (xunto con Ulrichsweb, CAPES, ERIH y MIAR que xa figuraban na convocatoria anterior). Desaparecen IN-RECH y RESH.

Libros e capítulos de libros: engádese como indicio de calidade editorial o IE-CSIC.

Número de autores: agora sinálase expresamente o número de autores que pode reducir a cualificación asignada a unha achegaagás que estivese plenamente xustificado pola complexidade do tema, as esixencias metodolóxicas e a extensión do traballo, un número maior de dous autores pode reducir a cualificación asignada a unha achega”.