Esta web emprega cookies, podes ver a nosa política de cookies AQUÍ. Se continuas navegando estás aceptando as súas condicións.
Política de Cookies +
MINERVA
Páxina inicio
MISIÓN E OBXECTIVOS

Minerva é o repositorio institucional da Universidade de Santiago de Compostela. Creado para albergar, difundir en acceso aberto e preservar os documentos derivados da actividade institucional, científica e docente dos membros da comunidade universitaria, inclúe tamén a dixitalización do patrimonio documental da USC.

Minerva inscríbese no marco do movemento internacional coñecido como Acceso Aberto ou Open Access. Esta iniciativa promove o acceso libre e gratuíto á literatura científica e académica como medio para mellorar o sistema de comunicación científica e o acceso ao coñecemento.

​Entre os seus obxectivos destacan:

  • Facilitar a difusión dos resultados da investigación realizada na USC
  • Incrementar o impacto e a visibilidade das publicacións e traballos de investigación da USC
  • Garantir a preservación e conservación a longo prazo da produción intelectual da universidade
  • Promover e fomentar as iniciativas de comunicación científica en acceso aberto
  • Incentivar o uso da produción científica propia 
  • Ofrecer á comunidade científica servizos de valor engadido a través do emprego de estándares internacionais, estatísticas de consulta e URL permanentes.

Info_Rebiun_Beneficios

 

CONTIDOS

Minerva alberga toda clase de materiais dixitais: artigos científicos (versións preprint ou postprint), achegas a congresos, materiais docentes, revistas e monografías editadas pola USC, teses de doutoramento, traballos académicos, documentos institucionais, científicos e fondos históricos impresos ou manuscritos.

Os contidos que se depositen en Minerva deberán cumprir os criterios de calidade que se determinen, e en todo caso cumprir cos seguintes requisitos:
-Que a titularidade sexa da universidade ou que exista consentimento do titular ou titulares para a súa difusión.
-Que os contidos sexan orixinais dos autores.
-Que os contidos sexan de natureza exclusivamente académica, docente ou científica.
-Que non sexan ofensivos ou atentatorios contra a dignidade das persoas.
-Que non vulneren a Constitución ou o ordenamento xurídico. O autor ou autores responderán, en calquera caso, de que os contidos depositados son orixinais e sobre eles non existen contraídos gravames nin compromisos que vulneren os dereitos de autor. A coordinación de Minerva, tanto a través do seu coordinador como a través da súa comisión, proporcionará aos autores medios técnicos e asesoramento relativos á información e xestión dos dereitos de contidos non editados pola Universidade de Santiago de Compostela.

PROCEDEMENTO DE DEPÓSITO

PDI e investigadores
1. O PDI e o persoal investigador, coas súas credenciais da USC, accederá á súa páxina persoal do repositorio, previa solicitude remitida ao coordinador do repositorio de acordo ao modelo que se publicará a tal efecto.
2. Unha vez seleccione a comunidade ou, de ser o caso, subcomunidade que considere mais axeitada á natureza e contido do traballo, procederá ao depósito tanto dos arquivos en si coma dunha proposta de metadatos. Xa depositados, os arquivos quedarán pendentes de difusión en aberto.
3. O coordinador do repositorio, ou os responsables que para tal efecto estableza a Comisión de Repositorio, revisarán o correcto depósito dos arquivos, dos seus metadatos, a axeitada clasificación do traballo na comunidade elixida, e revisarán a admision de contidos en base ao artigo
4. Unha vez revisados estes aspectos, procederase á difusión en aberto dos arquivos.

Teses de doutoramento
1. O/a doutor/a entregará no Centro de Posgrao a tese en formato electrónico e demais documentación, consonte o sinalado na presente normativa.
2. O Centro de Posgrao revisará toda a documentación entregada e dará traslado da mesma ao Servizo de Publicacións.
3. O Servizo de Publicacións incorporará a tese na comunidade correspondente do repositorio, incluíndo tanto o arquivo en si coma os metadatos. A tese quedará nese momento publicada en aberto.

Traballos de fin de máster, fin de grao, fin de carreira e outros
1. A comisión académica realizará a proposta de inclusión do traballo no repositorio e a remitirá á Secretaría do seu centro.
2. Pola súa parte, os autores dos traballos propostos pola comisión entregarán na Secretaría do seu centro o traballo en formato electrónico e demais documentación conforme o sinalado na presente normativa.
3. Completada a documentación, o traballo en formato electrónico será remitido ao persoal da biblioteca do centro que procederá ao seu depósito en Minerva.

Outros depósitos
1. Fóra dos casos anteriormente descritos, poderá acordarse a inclusión dun traballo no repositorio, sempre que cumpra cos criterios desta normativa.
2. As propostas dirixiranse ao presidente da Comisión do Repositorio. A Comisión determinará a aceptación da inclusión do traballo ou traballos propostos.
​3. En caso de aceptación, o coordinador do repositorio tramitará o seu depósito segundo corresponda.

Artigos científicos

Os investigadores beneficiarios de proxectos financiados por determinados organismos como a Comisión Europea (CE), o Consello Europeo de Investigación (ERC) ou o Ministerio de Economía e Competitividade están obrigados, segundo as condicións establecidas nos acordos de subvención, a permitir o acceso aberto á versión final dos artigos resultantes da investigación. O depósito en Minerva permite cumprir cos requisitos das axencias financiadoras sen pasar necesariamente por unha opción de pago para publicar en aberto nas revistas.

Para aproveitar as políticas editoriais que permiten o depósito en repositorios é imprescindible coñecer cal das versións do documento aptas para cumprir as obrigas de acceso aberto está permitido autoarquivar.

Infografía Rebiun Versións artigos científicos


A consulta de plataformas como Sherpa-Romeo e Dulcinea resulta moi eficaz.

        


 

Traballos académicos (TFG/TFM)

A partir de 2015, en aplicación do artigo 12 da Normativa de Minerva, a Biblioteca asume a incorporación a Minerva dos Traballos Académicos que en función da súa calidade, en particular os cualificados con matrícula de honra, resulten seleccionados polas correspondentes Comisións Académicas. Os autores dos traballos propostos, co visto e prace do titor, deberán asinar unha autorización de difusión en Minerva na que declaren que se trata dun traballo orixinal, e que non está, en todo ou en parte, suxeito a restricións, tales como co-titularidade, dereitos de propiedade industrial ou cláusulas de confidencialidade con empresas.

Se os traballos non poden ser difundidos por estar suxeitos a dereitos de propiedade industrial ou intelectual non serán obxecto de comunicación pública en Minerva ata que sexan realizadas as oportunas proteccións ou venza o prazo de confidencialidade.

Por defecto, agás indicación contraria, os traballos estarán amparados por unha licenza Creative Commons do tipo Recoñecemento-Non comercial-Compartir igual. As cláusulas desta licenza establecen que:

  • sempre debe recoñecerse a autoría da obra
  • non se permite o uso comercial da obra orixinal nin das posibles obras derivadas
  • a distribución das obras derivadas debe facerse baixo a mesma licenza que a da obra orixinal
 

Tal e como establece o  Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos traballos fin de Grao e fin de Máster na USC, unha copia en formato electrónico de todos os traballos aprobados quedará depositada no centro correspondente para o seu arquivo e consulta con fins de investigación.

Normativa Minerva pdf

Regulamento_TFG_TFM pdf
 

Teses de doutoramento

En cumprimento do artigo 14.5 do Real Decreto 99/2011 de 28 de xaneiro que regula as ensinanzas oficiais de doutoramento, todas as teses defendidas na USC a partir de 2011 deben ser depositadas en acceso aberto no Repositorio Institucional Minerva previa autorización do autor.

O Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC (SPIC) é o responsable de aloxar no repositorio os arquivos das teses que recibe directamente do Centro de Posgrao.
Coa presentación da tese os doutorandos deberán asinar un documento no que declaren que a súa tese non está, en todo ou en parte, suxeita a restricións como patentes ou cláusulas de confidencialidade con empresas de cara á correspondente habilitación de procedementos técnicos para asegurar a non publicidade destes contidos.

Antes da difusión no repositorio é moi importante comprobar que se posúen os permisos dos propietarios dos dereitos de posibles recursos incluídos na tese que non sexan de elaboración propia como imaxes, fotografías, táboas, etc. Isto cobra particular relevancia no caso de teses por compendio de publicacións: os artigos publicados previamente que forman parte da tese poden estar suxeitos a contratos editoriais que non permitan a difusión en aberto e que é preciso respectar. É aconsellable que os autores contacten cos editores das publicacións afectadas para obter, por escrito,  a autorización pertinente para a difusión no repositorio.

Os autores de teses lidas en cursos anteriores á entrada en vigor da normativa tamén poden solicitar a incorporación en Minerva contactando co administrador de Minerva ou co persoal técnico do SPIC.

Por defecto, agás indicación contraria, a tese estará amparada por unha licenza Creative Commons do tipo Recoñecemento-Non comercial-Compartir igual. As cláusulas desta licenza establecen que: 
 

  • sempre debe recoñecerse a autoría da obra
  • non se permite o uso comercial da obra orixinal nin das posibles obras derivadas
  • a distribución das obras derivadas debe facerse baixo a mesma licenza que a da obra orixinal

As teses de autores que non autorizan á súa difusión poden consultarse no catálogo da biblioteca pero están excluídas de préstamo polo feito de ser documentos orixinais únicos.
Fondo Histórico

Minerva pretende tamén a difusión e preservación do rico e valioso patrimonio bibliográfico da USC. As dixitalizacións de coleccións de manuscritos, incunables e impresos do s. XVI ao XIX están accesibles de forma libre e gratuíta.

O emprego de estándares internacionais como OAI_PMH permite que estes fondos sexan tamén accesibles a través do agregador español HISPANA e que poidan ser recolectados pola Biblioteca Dixital Europea Europeana



Logo Hispana

Europeana logo

 
POLÍTICA DE METADATOS
Os metadatos son a información mínima necesaria para identificar un recurso. É toda aquela información descritiva sobre o contexto, calidade, condición ou características dun recurso, dato ou obxecto coa finalidade de facilitar a súa recuperación, autentificación, avaliación, preservación e/ou interoperabilidade.
Hai diversos tipos e modelos de metadatos. Dublin Core (DC) é o esquema de metadatos usado por Minerva, Repositorio Institucional da USC.
Os metadatos de Minerva pódense compartir e adaptar sempre e cando se recoñeza a súa autoría. Esta política refírese
exclusivamente aos metadatos asociados aos documentos depositados, non substitúe ou altera as licenzas e permisos específicos de cada un destes.
COMO BUSCAR?

Existen diferentes posibilidades de realizar buscas de documentos en Minerva, dende a simple navegación por medio de listaxes alfabéticas á composición de buscas complexas empregando filtros e ferramentas de descubrimento que axudan a refinar os resultados dunha busca inicial.

Listar

Permite visualizar listados alfabéticos dos documentos depositados en Minerva. Existen cinco índices:

  • Comunidades e coleccións: da acceso á lista das comunidades, subcomunidades e coleccións definidas para organizar os contidos de Minerva
  • Data de publicación: amosa unha lista dos documentos en orde cronolóxica de publicación
  • Autor: ofrece unha listaxe alfabética dos responsables dos traballos
  • Título: ofrece o listado alfabético dos títulos dos documentos depositados en Minerva.
  • Materia: permite a busca na lista alfabética das materias/palabras chave empregadas en Minerva.
Unha vez elixido o índice polo que se quere buscar, pódese proceder de dúas formas:
  • escribir no cadro de texto a palabra ou primeiras letras que queremos atopar e premer "IR"
  • empregar os enlaces alfabéticos para saltar á sección que contén todos os termos que comezan pola letra que se pulsou

Listar por título

Tamén é posible acceder a listados por data, autor, título e materia dentro dunha comunidade ou colección determinada.
 

 

Busca xeral

Introducir os termos de busca na caixa que se atopa na parte superior dereita da portada e que permanece en todas as páxinas do repositorio


Por defecto esta busca realizase sobre o contido completo do repositorio, en todas as comunidades, subcomunidades e coleccións. Na pantalla de resultados pódese limitar a busca dentro dunha comunidade ou colección específica premendo sobre o despregable e seleccionando o nome da comunidade ou da colección. Tamén é posible escoller os criterios de presentación e as opcións de ordenación (ascendente ou descendente).
O funcionamento é similar á busca simple de Google, de xeito que tamén se poden empregar operadores booleanos, carácteres de truncamento, etc.
Buscas ordenación

Na mesma pantalla o sistema ofrece a posibilidade de utilizar filtros para limitar os resultados e refinar a busca inicial.

Busca filtros
As opcións para aplicar os filtros son: Contén, Igual que, Non contén e Distinto que. Por defecto o filtro aplicarase como "Contén", é dicir, o termo buscado estará presente no campo elixido. Para engadir ou eliminar diferentes filtros empregar os botóns  

 A busca actualizarase e aparecerán os novos resultados.
 

CONSELLOS DE BUSCA

Para que a busca resulte máis eficaz teña en conta as seguintes indicacións sobre o comportamento do buscador do sistema:

  • Os termos introducidos na caixa de busca serán rastreados nos campos de título, autor, resumo, palabras chave, serie e identificadores de cada rexistro.
  • Palabras baleiras: o sistema ignora algunhas palabras que, como os artigos e as preposicións, non achegan valor a busca.
  • Truncamento: o emprego do asterisco (*) despois da raíz dunha palabra permite recuperar todos os documentos que conteñan palabras con ese elemento. Exemplo: cardio* recupera cardiopatía, cardiovascular, cardioloxía, etc.
  • Derivados: o buscador expande automaticamente as palabras con terminacións habituais para incluír plurais, diferentes terminacións de tempos verbais, etc.
  • Frases exactas: para buscar frases concretas hai que empregar comiñas ao principio e a o final da frase. Exemplo: "comunicación oral"
  • Inclusión ou exclusión de palabras: empregar o signo (+) diante dun termo para indicar que debe aparecer obrigatoriamente nos resultados da busca. Exemplo: +acuicultura Galicia (o termo acuicultura debe aparecer no resultado). Empregar o signo (-) para indicar que o termo non debe aparecer nos resultados da busca. Exemplo: ADN -mitocondrial Alternativamente pódense empregar os operadores AND e NOT
  • Operadores booleanos: permiten combinar termos de busca. Hai que usalos sempre en maiúsculas. Empregar AND para sumar termos; OR para ampliar a busca e NOT para restrinxir a busca.
  • Parénteses: permiten agrupar distintos termos da busca. Exemplo: aire AND (contaminación OR polución)
Navegación por facetas

Como complemento á busca, a funcionalidade "Descubrir" permite a navegación por facetas ou criterios que axudan a seleccionar e refinar as procuras. 

A partir da busca inicial, na barra lateral dereita da pantalla o sistema suxire novas formas de analizar o conxunto de resultados. A busca por facetas agrupa os resultados ​nas categorías “Autor”, “Materia” e “Data de publicación” e amosa entre parénteses o número de ítems que cumpren os criterios establecidos en cada unha delas. A medida que se van seleccionando as facetas o menú irá propoñendo outras novas en función dos resultados obtidos.

 

 

SERVIZOS
Alertas
Os usuarios poden subscribirse para recibir, a través do correo electrónico, avisos sobre novos documentos engadidos nas coleccións do seu interese.

Para subscribirse deberá:
  • Identificarse coas súas credenciais entrando en "Acceder"
  • Premer no botón "Perfil” do menú “ A miña conta”​
perfil
 
  • Na opción “Subscricións” elixir a colección do seu interese e premer “Engadir”. Repetir esta acción para todas as coleccións que desexe
Subscricións
 
Minerva ofrece tamén outras posibilidades para estar ao día dos novos documentos depositados:
  • nas páxinas das comunidades e das coleccións aparecen sempre enlaces aos cinco últimos envíos
  • subscrición a comunidades e coleccións a través de RSS

RSS é un formato de distribución de contidos en Internet que permite estar ao tanto das novidades producidas en diferentes páxinas web sen necesidade de visitalas. As versións actuais dos principais navegadores inclúen a posibilidade de agregar fontes RSS sen necesidade de software adicional. Para subscribirse a unha comunidade ou colección determinada abonda con premer na icona RSS que se atopa na parte inferior da páxina e, na pantalla seguinte, premer "Subscribirse a esta fonte".

Como subscribirse empregando Mozilla Firefox?

1. Visitar a páxina da comunidade ou colección que se desexa subscribir e premer no símbolo de “Marcadores” de Mozilla para ter a opción “Subscribirse a esta página”



2. Premer “Subscribirse ahora” para engadir o marcador



3. Indicar un nome que permita identificar correctamente a fonte ou empregar o nome por defecto



4. A icona quedará engadida na barra de marcadores e facendo clic nela poderá consultar os últimos documentos depositados.



O mesmo proceso pode realizarse premendo directamente na icona RSS que se atopa na parte inferior dereita das páxinas de Minerva

Como subscribirse empregando Google Chrome?

Google Chrome non inclúe por defecto un visor de fontes RSS polo que é necesario instalar unha aplicación ou extensión axeitada. O procedemento será o seguinte:

1. Acceder á páxina Google Web Store. Tecleando na caixa de busca o termo “RSS” comprobaremos que existen multitude de extensións e aplicacións que permiten ler fontes RSS. Polo feito de ser especialmente sinxela eliximos neste exemplo a aplicación "RSS feed reader", pero o proceso de instalación é sempre moi similar e pódese escoller a aplicación que se considere máis oportuna. Unha vez seleccionada premer “Añadir a Chrome”



2. Seguir as instrucións da instalación.

3. Unha vez finalizada a instalación a icona aparecerá na barra de ferramentas.

O seguinte paso será a selección das fontes ás que desexa subscribirse. Existen dúas opcións:

A) Utilice o navegador para abrir a páxina da comunidade ou colección elixida. O enlace RSS atópase na parte inferior dereita das páxinas do repositorio



Unha vez seleccionada a fonte prema “Suscribirse ahora”



Poderá consultar sempre que o desexe os últimos documentos depositados premendo no nome da fonte


Tamén poderá comprobar en cada momento o número de fontes sen ler xa que aparecerá indicado na icona da barra de ferramentas

B) Navegue ata a páxina do seu interese. Prema na icona do lector para administrar as propiedades da aplicación



Elixa as fontes presentes na páxina que está visitando. Tamén pode introducir directamente a URL de calquera outra páxina para buscar recursos RSS do seu interese.




 
Estatísticas
Minerva permite a consulta de datos sobre visitas e descargas dos documentos.  Basta con acceder ao rexistro e premer “Ver Estatísticas de uso”

Estatísticas

 
Presentación Minerva
Presentación_Minerva
COMO DEPOSITAR?
A Biblioteca Universitaria ofrece dúas modalidades de depósito de documentos en Minerva:
-Arquivo delegado:
Se desexa que a biblioteca se faga cargo do depósito dos seus traballos, contacte coa Biblioteca do seu centro ou con Minerva.
-Autoarquivo ou depósito pola persoa autora:
Para poder depositar é necesario encher previamente este formulario
solicitando autorización para realizar envíos ás coleccións definidas por defecto para o seu Departamento/Centro de Investigación.
Unha vez confirmados os permisos poderá comezar co depósito.

Autoarquivo Minerva pdf
 
Copyright e autoarquivo das editoriais
Sherpa/Romeo            Dulcinea