Esta web emprega cookies, podes ver a nosa política de cookies AQUÍ. Se continuas navegando estás aceptando as súas condicións.
Política de Cookies +
.

CURSO EXPERTO EN COMPETENCIAS EN INFORMACIÓN NA CONTORNA DIXITAL

INFORMACIÓN XERAL
Dirixido ao alumnado de Posgrao

O curso desenvolverase nunha contorna virtual. A duración do curso será de oito semanas, cunha inversión en tempo do alumno de 25 horas. O curso organizarase en sete módulos cos contidos e as tarefas correspondentes, de carácter obrigatorio.
COMPETENCIAS
1. O alumnado asume que saber xestionar información é unha práctica transversal que debe completar o seu proceso de formación na universidade, que lle facilita o estudo, lle axuda a investigar, e a realizar traballos académicos cunha metodoloxía científica.

2. O alumnado adquire, a nivel experto ou de especialización, habilidades e destrezas para buscar información, localizar, seleccionar, analizar e  construír novos coñecementos de forma autónoma, construtiva e ética de acordo cos seus propósitos.

3. O alumnado aprende a comunicar, difundir e compartir información reflexivamente e con responsabilidade, a través dos seus traballos académicos e das redes sociais. Coñece os seus dereitos de autor e aprende a evitar o plaxio. Sabe como aumentar a visibilidade da súa investigación, creando o seu perfil dixital e publicando e acceso aberto.
OBXECTIVOS
1. Ser capaz de recoñecer a importancia que ten a adquisición de competencias informacionais/dixitais e xestionar o tempo de estudio e traballo.

2. Coñecer os recursos de información e servizos a través da web da BUSC e os recursos TIC da USC.

3. Saber que é unha fonte de información e os diferentes tipos. Aprender a planificar unha busca e localizar información pertinente no catálogo da BUSC, bases de datos e Internet.

4. Ser quen de avaliar correctamente a información atopada para así seleccionar aquela que mellor resolva as súas necesidades. Xestionar e organizar por si mesmo a información, mediante xestores bibliográficos e/ou outras ferramentas informáticas para a almacenaxe na nube.

5. Ser capaz de aplicar a metodoloxía científica propia da elaboración dun traballo de investigación. Comprender a importancia de facer un uso responsable, ético e legal da información que se utiliza, citando e redactando as referencias e evitando o plaxio.

6. Coñecer máis dunha ferramenta para presentar traballos académicos. Ser quen de difundir e compartir información a través da web e das redes sociais. Aprender a xestionar a propia identidade dixital sen riscos. Entender o que son os dereitos de autor e as implicacións de publicar en acceso aberto os resultados da investigación, e os seus beneficios para a difusión da ciencia.

 
CONTIDOS
Os contidos distribúense en 7 módulos,  que se axustan aos obxectivos propostos e competencias de acordo a un nivel experto.

0.  A biblioteca universitaria (BUSC). Recursos TIC da USC á túa medida

1.  Que necesito aprender e para que

2.  Buscar información

3.  Avaliar e organizar a información

4.  Avaliar a ciencia

5.  Uso e tratamento da información. Como elaborar un traballo de investigación

6.  Comunicar e difundir a información

 
METODOLOXÍA
Desenvolvemento do curso virtual: oito semanas de duración e un traballo aproximado do alumno/a entre 25 horas:
  • Lectura dos sete módulos
  • Realización dos cuestionarios e exercicios (tarefas) relacionados cos temas
  • Enquisas iniciais: unha de datos previos, con fins estatísticos, e outra de diagnose sobre os coñecementos que ten o alumnado antes de comezar o curso.
  • Enquisas de satisfacción enviadas aos participantes no curso: alumnado, profesorado colaborador e aos formadores/titores.
  • Participación nos foros, como ferramenta para a titorización e a motivación das competencias sociais do alumnado.

Poderase ofrecer unha ou varias sesións presenciais para a práctica de buscas no catálogo e nas bases de datos, uso do xestor bibliográfico, etc., a acordar cos titores/profesores e o alumnado.
MATERIAIS
  • Módulos temáticos en formato Libro de Moodle, con posibilidade de descarga para o seu arquivo por parte do estudantado.
  • Anexos e titoriais en pdf sobre os temas que se tratan
  • Materiais audivisuais (videos).
  • Ligazóns de interese.
  • Bibliografía
RECURSOS TECNOLÓXICOS E HUMANOS
1. Plataforma de aprendizaxe Moodle (Campus Virtual USC).

2. Como ferramenta de comunicación: o foro, un instrumento moi útil para o intercambio de información entre os participantes no curso, será o medio para comunicarse co profesorado/formador.

3. Titorización por parte da/o bibliotecaria/o e do profesorado colaborador.
AVALIACIÓN DO CURSO
Avalíanse:
  • Os exercicios e/ou cuestionarios correspondentes aos distintos módulos temáticos (obrigatorios).

A  cualificación final será: “apto” ou “non apto”. Para acadar o apto:
  • Cómpre ter unha puntuación media do 50% nos exercicios e/ou prácticas.

A participación nos foros temáticos pode ser requirida, mais non conta para o cálculo da media.

A listaxe de alumnado apto será remitida ao Centro de Tecnoloxías para Aprendizaxe (CETA) para a emisión dos diplomas correspondentes que avalan aos estudantes a realización deste curso de Formación por un total de 25 horas.