Esta web emprega cookies, podes ver a nosa política de cookies AQUÍ. Se continuas navegando estás aceptando as súas condicións.
Política de Cookies +
.

CURSO AVANZADO DE FORMACION EN COMPETENCIAS EN INFORMACIÓN

INFORMACION XERAL
Alumnado da materia de Traballo de Fin de Grao

O curso desenvolverase nunha contorna virtual.

A duración do curso será de catro semanas, cunha inversión en tempo do alumno de 25 horas.

​O curso organizase en seis módulos cos contidos e as tarefas correspondentes, de carácter obrigatorio.
COMPETENCIAS
A UE inclúe as CI dentro da competencia dixital, e define esta como unha das oito competencias chave que todo estudante debe ter desenvolto ao rematar o ensino universitario.

O alumnado asume que saber xestionar información é unha práctica transversal que debe completar o seu proceso de formación na universidade, que lle facilita o estudo, lle axuda a investigar e a realizar traballos académicos cunha metodoloxía científica.

Seguindo o documento de Rebiun, “Definición de Competencias en Información (CI)”, o alumnado adquire, a nivel avanzado, as seguintes habilidades e destrezas:

CINFO1 - Buscar información: recoñecer unha necesidade de información, coñecer os recursos nos que esta información se pode localizar e realizar estratexias de busca de maneira eficaz e eficiente.

CINFO2 – Avaliar a información: avaliar a información e ás súas fontes de forma crítica e incorporar a información seleccionada á súa propia base de coñecemento e o seu sistema de valores.

CINFO3 - Organizar e xestionar a información eficazmente: organizar e xestionar eficazmente a información reunida.

CINFO4 – Usar, publicar e difundir a información respectando as normas éticas e legais: usar a información e publicar e difundir o novo coñecemento xerado, respectando a lexislación e normas éticas aplicables.

CINFO5 – Manterse ao día e compartir información en rede: coñecer e utilizar os diferentes servizos de actualización de información científica ou especializada e compartir información usando as ferramentas de traballo en rede de forma cívica e segura.

 
OBXECTIVOS
1. Ser capaz de recoñecer a importancia que ten a adquisición de competencias informacionais/dixitais e xestionar o tempo de estudo e traballo, de cara á elaboración do TFG.

2. Coñecer e saber empregar como usuario avanzado os recursos de información e servizos a través da web da BUSC e os recursos TIC da USC.

3. Saber que é unha fonte de información e escoller os tipos de fontes máis adecuadas ás súas necesidades específicas. Aprender a planificar unha busca e localizar información pertinente no catálogo da BUSC, bases de datos e na Internet, relacionadas co tema do seu TFG.

4. Ser quen de avaliar correctamente a información atopada, en función da precisión e necesidades do seu traballo, para así seleccionar aquela que mellor as resolva. Xestionar e organizar por si mesmo a información, mediante xestores bibliográficos e/ou outras ferramentas informáticas para a almacenaxe na nube.

5. Ser capaz de aplicar a metodoloxía científica propia da elaboración dun Traballo Fin de Grao. Comprender a importancia de facer un uso responsable, ético e legal da información que se utiliza, citando e redactando as referencias e evitando o plaxio. Coñecer máis dunha ferramenta para presentar traballos académicos.

6. Coñecer, a nivel avanzado, as implicacións da Propiedade Intelectual e como compartir información respectando os dereitos de autor propios e dos demais. Ser quen de difundir e compartir información a través da web e das redes sociais. Aprender a xestionar a propia identidade dixital sen riscos. Entender o que é o acceso aberto e os seus beneficios para a difusión da ciencia.

 
CONTIDOS
Os contidos distribúense en 6 módulos,  que se axustan aos obxectivos propostos e competencias de acordo a un nivel avanzado.

1.  Que necesito aprender e para que cara ao Traballo de Fin de Grao (TFG)

2.  A biblioteca universitaria (BUSC). Recursos TIC da USC á túa medida

3.  Buscar información

4.  Avaliar e organizar a información

5.  Tratar a información. Como elaborar un traballo de Fin de Grao (TFG)

6.  Comunicar e difundir a información
MATERIAIS
  • Módulos temáticos en formato Libro de Moodle, con posibilidade de descarga para o seu arquivo por parte do estudantado.
  • Anexos e titoriais en pdf sobre os temas que se tratan
  • Ligazóns de interese
  • Bibliografía
RECURSOS TECNOLÓXICOS E HUMANOS
  • Plataforma de aprendizaxe Moodle (Campus virtual da USC).
  • Como ferramenta de comunicación: o foro, un instrumento moi útil para o intercambio de información entre os participantes no curso, será o medio para comunicarse co profesorado/formador.
    • Establécese un Foro de novidades para avisos e incidencias no desenvolvemento do curso por parte do profesorado.
    • Outro Foro de dúbidas e suxestións para lanzar consultas dirixidas aos profesores/as titores/as ou aos compañeiros/as. Calquera intervención será respondida nun prazo máximo de 48 horas, tendo en conta que as fins de semana e días festivos non son lectivos.
    • E un Foro temático, incluído no módulo 5 para adquirir competencias relacionadas coa capacidade análise e debate.
  • Titorización por parte do persoal da biblioteca e do profesorado colaborador.
AVALIACIÓN DO CURSO
A  cualificación final será: “apto” ou “non apto”. Para obter o apto será necesario acadar un mínimo de 5 na nota final do curso, tendo en conta que as cualificacións dos exercicios poderán estar ponderadas segundo a súa dificultade ou nivel de esixencia
 

Acreditación da superación do Curso


Unha vez rematado o curso farase pública -a través da Aula virtual do curso-, a listaxe provisoria de alumnado apto e non apto, xunto coa causa que motive, de ser o caso, a non superación do curso (suspenso ou abandono). O alumnado disporá dun prazo de 7 días naturais para formular as alegacións oportunas. Transcorrido ese prazo, a listaxe elevarase a definitiva, incorporando as modificacións que correspondan.

A cualificación final do curso será integrada no expediente do alumnado durante o periodo oficial de apertura de actas da USC. 

O alumnado considerado apto poderá solicitar un diploma expedido pola USC que acredite a superación deste curso de formación. Este documento deberá ser solicitado na biblioteca do seu centro.

A USC recoñece esta actividade con 1 crédito ECTS, pero a súa imputación non é automática, senón que deberá ser solicitado pola persoa interesada a través da UXA (unha vez pechado o periodo oficial de actas). Non se recoñecerá o crédito a aquelas persoas que realicen un curso de competencias en información que non sexa o propio da súa titulación.